Álex Chan roza o MVP de setembro na Liga Asobal

Pontevedra
03 de outubro 2022

O central pontevedrés do Cisne recibiu o 41% dos votos dos afeccionados como mellor xogador do primeiro mes do campionato, pero foi superado por moi pouco por Nico Bono, xogador do Balonmano Sinfín

Álex Chan, no partido entre Club Cisne Balonmano e Sinfín no Príncipe Felipe
Álex Chan, no partido entre Club Cisne Balonmano e Sinfín no Príncipe Felipe / Cristina Saiz

É un dos piares do Cisne, e baixo o seu mando desde o posto de central os pontevedreses conseguiron dous triunfos consecutivos na casa no inicio da Liga Asobal.

Ese feito, unido a unhas cifras que lle levantaron ao primeiro posto de goleadores da competición, valéronlle a Álex Chan o nomeamento como Xogador Máis Valioso (MVP) da liga durante o mes de setembro, ao arxentino Nico Bono (BM Sinfín) e ao gardameta montenegrino Mile Mijuskovic (BM Torrelavega).

Durante a fin de semana os afeccionados puideron votar polo seu favorito, e o central pontevedrés do Cisne quedou moi preto de lograr o recoñecemento.

Nico Bono foi o xogador con maior porcentaxe de apoios co 46,6% de votos, polo 41% de Chan e o 12,4% de Mijuskovic.

A pesar de non lograr o MVP, Álex Chan mantense como máximo goleador de Asobal despois das 5 primeiras xornadas, con 38 goles e unha media de 7,6 por partido. Séguelle nesta particular clasificación Joaquim Rebelo (Ciudad Encantada) con 35 tantos e con 32 Nico Bono (Sinfín), Nicolo D'Antino (At. Valladolid), Antonio Martínez (Ademar), Juan Castro (Ademar) e Pol Valera (Granollers).