Álex Andión, un pontevedrés campión continental de waterpolo

Pontevedra
28 de marzo 2022

O xogador pontevedrés, que milita nas filas do Astralpool CN Sabadell, proclamouse campión da LEN Euro Cup co seu equipo ao vencer na final do torneo o Telimar Palermo italiano

O Astralpool CN Sabadell celebra o título de campión da LEN Euro Cup
O Astralpool CN Sabadell celebra o título de campión da LEN Euro Cup / Astralpool CN Sabadell

O Astrapool CN Sabadell fixo historia esta fin de semana ao proclamarse campión da LEN Euro Cup masculina, e con el un pontevedrés segue derrubando muros para o  waterpolo galego.

Trátase de Álex Andión, que a pesar da súa mocidade e de ser os seus primeiros anos como deportista absoluto segue queimando etapas nun dos clubs con maior tradición e nivel a nivel español e continental. O deportista pontevedrés formou parte do equipo que venceu na gran final da competición europea o Telimar Palermo.

Andión, formado na canteira do Waterpolo Pontevedra, fixo as maletas en 2019 para probar fortuna no equipo xuvenil do Sabadell, e desde entón foi queimando aos poucos etapas.

Xa foi de feito o primeiro xogador galego en levantar un título nacional, ao que sumou unha convocatoria coa Selección Española Xuvenil.

O seu título da LEN Euro Cup foi moi celebrado desde a distancia por un club, o Waterpolo Pontevedra, que segue a ser a súa casa e que lle quixo trasladar o seu parabén a través das redes sociais.

Para facerse co título o Sabadell, segundo club nacional en conseguilo tras o CN Barcelona (94-95 e 03-04), tivo que remontar no partido decisivo o 9-7 desfavorable que traía de Italia, pero terminou impoñéndose cun contundente 11-5.