Álex Andión celebra en Pontevedra o seu título da LEN Euro Cup de waterpolo: "Poder conseguir isto foi unha gran honra"

Pontevedra
18 de abril 2022

O xogador pontevedrés do Astrapool CN Sabadell, primeiro galego en conseguir un título nacional e outro continental de waterpolo, foi recibido este luns polo concelleiro de Deportes, Tino Fernández, aproveitando a súa visita duns días a casa pola Semana Santa

Álex Andión con Tino Fernández na recepción ofrecida polo Concello de Pontevedra
Álex Andión con Tino Fernández na recepción ofrecida polo Concello de Pontevedra / PontevedraViva

Aos seus 19 anos Álex Andión é xa todo un referente para o waterpolo galego. Non en balde tras o seu salto á canteira do Astrapool CN Sabadell foi derrubando muros tras debutar co primeiro equipo e sumar os primeiros títulos a nivel nacional e internacional para un waterpolista nado en Galicia.

O último deses logros foi proclamarse campión da LEN Euro Cup masculina, título continental que celebrou este luns en Pontevedra aproveitando a súa volta a casa pola Semana Santa.

Andión foi recibido polo edil de Deportes, Tino Fernández, quen destacou que "non podemos estar máis orgullosos del e do waterpolo en Pontevedra, que segue crecendo".

En canto ao protagonista, é consciente de que aínda queda moito por crecer a nivel deportivo, pero non se pon teito. "Estou nese rol de junior que aos poucos ten que ir gañándose os minutos. Hai xente por diante, xente olímpica ou con moitos anos dentro desta profesión e aos poucos voume facendo oco", recoñece.

A pesar diso "puiden gozar de xogar na LEN e poder conseguir isto foi unha gran honra", explicou tras a recepción coa vista posta xa nunha próxima tempada na que tirará unha porta máis, ao clasificarse o seu equipo para disputar a Liga de Campións, máxima competición europea.