Alejandro Muñiz, na Supercopa de España: Arbitrará unha das semifinais

Pontevedra
08 de xaneiro 2024

O colexiado pontevedrés viaxará a Riyadh (Arabia Saudita) para dirixir o vindeiro xoves 11 de xaneiro a semifinal da Supercopa de España entre o Fútbol Club Barcelona e Osasuna

Alejandro Muñiz, no partido entre Mallorca e Barcelona en Son Moix
Alejandro Muñiz, no partido entre Mallorca e Barcelona en Son Moix

Cada semana que pasa Alejandro Muñiz segue dando pasos para consolidarse na elite da arbitraxe española e internacional.

Tras ser oficialmente recoñecido como árbitro FIFA e estrearse no Santiago Bernabeu na primeira xornada de liga do ano nun encontro do Real Madrid, único equipo salvo o Celta ao que non dirixira aínda, o pontevedrés será agora un dos árbitros que viaxará a Arabia Saudita para a Supercopa de España.

Concretamente Muñiz Ruiz foi designado para arbitrar a segunda semifinal do torneo, a que enfrontará o vindeiro xoves 11 de xaneiro (20.00 horas) o Fútbol Club Barcelona e Osasuna no estadio Al-Awwal Park da cidade de Riyadh.

Nese choque estará auxiliado desde o VAR por Carlos Del Cerro Grande.

En canto á primeira semifinal do torneo entre Real Madrid e Atlético de Madrid, o colexiado escollido para a cita é Javier Arberola Rojas.