Ale de Paz, Silvia e Luci, do Marín Futsal e Poio Pescamar, na prelista de España para o Campionato de Europa de Fútbol sala

Marín
08 de marzo 2023

A Eurocopa celébrase do 17 ao 19 de marzo en Hungría e, para preparar o campionato, España ten previsto un dobre partido amigable contra Brasil esta fin de semana en Mallorca

Luci Gómez no partido entre Poio Pescamar e Torreblanca na Seca
Luci Gómez no partido entre Poio Pescamar e Torreblanca na Seca /

A Selección Española Feminina de fútbol sala disputará a partir do 17 de marzo en Hungría o Campionato de Europa. Entre as elixidas, que viaxarán este xoves a Mallorca para disputar un dobre enfrontamento amigable contra o combinado de Brasil, atópanse dúas xogadoras do Marín Futsal e unha do Poio Pescamar.

Trátase da porteira Silvia Aguete e a ala Ale de Paz por parte do equipo da Raña, mentres que representando ao equipo vermello viaxa Luci Gómez.

Con todo, a lista é provisional e das 16 elixidas, a seleccionadora Claudia Pons terá que dar dúas baixas antes de poñer rumbo a Hungría.

A convocatoria está formada polas porteiras Silvia Aguete (Marín Futsal) e Marta Balbuena (Atlético Navalcarnero); as peches Cris García (Roldán), Noelia Montoro (Roldán), Mayte Mateo (Roldán) e Laura Córdoba (Atlético Navalcarnero); as alas Ale de Paz (Marín Futsal), Irene Samper (Burela), Peque (Burela), Luci Gómez (Poio Pescamar), Melli (Alcantarilla), María Sanz (Atlético Navalcarnero) e Antía Pérez (Burela); e a pivotes Vanessa Sotelo (Atlético Navalcarnero), Irene Córdoba (Atlético Navalcarnero) e Dany Domingos (Burela).

Dado que durante a disputa do campionato de seleccións a competición ligueira detense, desde o Poio Pescamar informan de que darán catro días de vacacións ás súas xogadoras, que non volverán aos adestramentos ata o vindeiro luns para empezar a preparar o partido da última fin de semana do mes de marzo fronte ao Alcorcón, ao que deberán derrotar para manterse na segunda posición da táboa.