Alberto Rubio convértese no sétimo reforzo do Pontevedra

Pontevedra
15 de xullo 2021

O futbolista ilicitano, centrocampista ofensivo de 24 anos, ocupará unha das tres fichas sénior que quedaban dispoñibles. Chega a Pasarón procedente do  Alcoyano 

Alberto Rubio (esquerda) nun partido entre UD Ibiza e CD Alcoyano
Alberto Rubio (esquerda) nun partido entre UD Ibiza e CD Alcoyano

O Pontevedra Club de Fútbol pechou ao que é o seu sétimo reforzo no mercado de fichaxes, coa incorporación de Alberto Rubio.

O futbolista ilicitano, de 24 anos, ocupará unha das tres fichas sénior dispoñibles que quedaban no plantel coas que o director deportivo, Toni Otero, confiaba cubrir o lateral esquerdo, o centro do campo e a mediapunta.

Precisamente esta última demarcación é a que está chamada a ocupar Rubio, centrocampista ofensivo que tamén pode actuar en banda.

Formado na canteira do Elche, concluíu a súa etapa xuvenil no Real Madrid antes de pasar polo Ontinyent, Internacional de Madrid e Alcoyano na Segunda B, cun paso intermedio polo Elche en Segunda División aínda que sen chegar a debutar en liga.

No Alcoyano, do que procede, participou o último curso en 20 partidos, 14 deles como titular, anotando dous goles.

Alberto Rubio é o 17º xogador confirmado para o novo proxecto granate xunto aos gardametas Álvaro Cortés e Pablo Cacharrón; os defensores Churre, Santi, David Soto, Diego Seoane, Samu e Pacheco; os centrocampistas Javi Rey, Romay, Álex González, Oier Calvillo e Brais Abelenda e os dianteiros Charles, Rufo e Martín Diz.