Alberto Mariano toma as rendas do Villalonga

Sanxenxo
12 de novembro 2024

O Villalonga confirmou a Alberto Mariano como novo adestrador do seu equipo de Terceira RFEF, tras a saída de Luciano

Alberto Mariano, nun partido de liga entre o Arosa e o Estradense na Lomba
Alberto Mariano, nun partido de liga entre o Arosa e o Estradense na Lomba / Diego Torrado

O Villalonga xa ten novo adestrador, e é un técnico con experiencia contrastada na Terceira RFEF.

Apenas un día despois de anunciar a saída de Luciano González, técnico co que ascendeu a pasada tempada, o club celeste confirmou quen será o seu substituto en principio ata final de curso.

Trátase de Alberto Mariano, preparador que as dúas últimas campañas dirixiu ao Casino Arzúa.

Antes foi o artífice do ascenso do Estradense a Terceira, club no que permaneceu durante cinco campañas.

"O que fóra nomeado por Golsmedia mellor adestrador da Terceira Galega no 2021 ponse aos mandos do equipo de San Pedro para o que resta de tempada. Benvido á túa nova casa e moita sorte, porque a túa sorte será a nosa!", sinalou o Villalonga tras facer oficial a súa incorporación.

O seu obxectivo nesta etapa será loitar pola permanencia na categoría, tras un inicio de curso complicado cun só triunfo en 10 xornadas.

Cómpre lembrar que o Villalonga ocupa actualmente a penúltima posición con 6 puntos, a dous da zona de salvación.

O seu primeiro encontro como adestrador dos celestes será a visita do Arosa ao campo de San Pedro o próximo domingo 17 de novembro (16.30 horas).