O presidente do Club Natación Galaico, Alberto Castro, goza estes días de poder organizar en Pontevedra, tras varios anos, un Campionato de España compo o Nacional Máster de Inverno. Todo un reto a nivel organizativo para o club que supuxo semanas de duro traballo, pero que é o primeiro paso cara a un futuro prometedor unha vez recobrada a normalidade na piscina olímpica pontevedresa.
Tanto é así que o dirixente recoñece que "queremos que Ponte Muíños se converta nunha sede nacional, estamos a negocialo". Trátase dunhas conversas xa iniciadas que "creo que nestes meses se decidirá", e que supoñería colocar a Rías do Sur como infraestrutura deportiva estratéxica non só a nivel local senón tamén para a Real Federación Española de Natación.
Ser sede nacional "para o club é posicionarse e que aos poucos a Federación pense na piscina para máis eventos, o Campionato de España Alevín, o Infantil, o Escolar... Temos en mente isto, que cada ano vaia rotando algún. Mesmo irnos a un Absoluto que non é o que máis público trae pero si o que máis nivel dá", explica Castro.
O máximo dirixente do Galaico celebra ademais a volta á normalidade no complexo deportivo de Ponte Muíños, que espera que lles sirva "para crecer no número de licenzas".
Todo tras uns anos complicados, primeiro pola covid e despois polo peche da piscina que "foi como ser un ciclista sen bicicleta, é incrible que os socios aguantasen o que aguantaron. Pero agora só queda crecer, xa depende de nós", afirma mirando con optimismo ao futuro.
De momento gozando dun campionato como en Nacional Máster cuns "datos deportivos e económicos brutais" ao contar con 1.330 nadadores rexistrados.