Importante triunfo o conseguido este sábado polo Pontevedra Club de Fútbol en Cantabria, na súa visita ao campo do Escobedo (0-2), para recuperar sensacións e confianza.
Comentaba Yago Iglesias na rolda de prensa previa ao choque que o duelo de dúas semanas atrás en Langreo (0-2), tamén sobre superficie artificial, era un bo espello no que mirarse para esquecer o tropezo contra o Mariño en Pasarón, e así o demostrou o técnico xa desde o once inicial recuperando o plan que puxera en xogo naquel encontro.
Samu Mayo e Cambil compartían liña na medular, con Yelko Pino máis adiantado e con Dalisson tirado ao costado esquerdo e Chiqui ao dereito. Iago Novo era o damnificado da decisión, volvendo ademais Rufo á titularidade en punta. Na portaría e a zaga non había cambios con Edu baixo paus e Garay, Churre, Mario e Álex González na liña de catro.
Avisou en apenas segundos das súas intencións o conxunto local, nunha acción de xogo directo que terminou cun perigoso remate de cabeza de Saza, aínda que invalidado por fóra de xogo.
A réplica do Pontevedra foi aínda máis clara. Non se tiñan cumprido aínda dous minutos cando Álex González progresou pola esquerda, centro raso á chegada de Yelko e o 10 estrelaba o seu disparo na madeira.
Non era un día para o virtuosismo, e entendérono os granates tentando ser o máis sólidos posibles sobre o céspede sintético do Eusebio Arce. Por iso aínda que con maior presenza ofensiva que o seu rival, a batalla estaba sobre todo na zona medular.
Álex probouno cun disparo desde o frontal que marchou desviado por pouco, pero foi Dalisson o que empezou a desnivelar a balanza a balón parado aos 25 minutos. Foi nunha falta no custado da área lanzada con veleno polo xogador granate. Non tocou ninguén o coiro, pero foise pechando e terminou no fondo da rede para facer o 0-1.
Foi un duro golpe para os locais, e sen tempo case para asimilalo chegou o 0-2, de novo por medio de Dalisson ao aproveitar o rexeite que o porteiro do Escobedo deixou morto dentro da área tras salvar un remate do propio 18.
𝐃𝐀𝐋𝐈-𝐆𝐎𝐋 𝐱𝟐
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) October 12, 2024
⏱️🔥 26' 30' en catro minutos, os dous goles
O xogador do @PontevedraCFSAD marca un dobrete e o cadro granate gaña no campo do @UMEscobedo (0-2) pic.twitter.com/H8rfazZGp9
Tivo Rufo unha boa ocasión desde a zona do punto de penalti para facer aínda máis grande a ferida, pero reaccionou ben esta vez Laro Gómez na meta cántabra e o marcador xa non se moveu máis antes do descanso.
O guión apenas cambiou tras o paso por vestiarios. Os locais introducían tres cambios na busca dunha reacción, pero o control seguía sendo pontevedrés, máis cerca do tanto con varios disparos afastados, cunha combinación sen finalización entre Yelko e Dalisson ou cunha ocasión de Chiqui.
Puido matar o partido o Pontevedar nos instantes iniciais do segundo acto, pero polo menos o cronómetro corría a favor sen que o seu opoñente inquietase a Edu Sousa, practicamente inédito até unha falta directa detida con seguridade no minuto 54.
O encontro foise arrefriando e os minutos pasando sen remedio e sen grandes ocasións en ningunha das dúas áreas. Apenas un disparo de Dalisson para buscar o 'hat-trick'.
A falta do terceiro pechouno así o conxunto granate para conseguir tres puntos que supoñen todo un balón de osíxeno para consolidarse na zona do play-off de ascenso e volver pensar en positivo.
UM ESCOBEDO (0): Laro Gómez, Morales (Espinosa, min.46), Víctor, Izam, Edu Fontán (Gon, min.46), David Somaza (Nacho, min.67), Raúl, Picón (Cagigal, min.61), Saza, Juan Casar, Aarón (Mario Basante, min.46).
PONTEVEDRA CF (2): Edu Sousa, Garay, Churre, Mario Gómez, Álex González, Samu Mayo, Cambil, Yelko Pino (Charly, min.77), Dalisson, Chiqui (Iago Novo, min.77), Rufo (Rares, min.86).
Árbitro: Guillermo García Presa, auxiliado nas bandas por Eduadro De Ponga Díez e Kevin Castro Dacosta (Castela-León). Amoestou a Edu Fontán, Saza, Gon, Nacho e ao adestrador Samuel San José no Escobedo e a Mario Gómez e Samu Mayo no Pontevedra.
Goles: 0-1 Dalisson (minuto 25); 0-2 Dalisson (minuto 29).
Incidencias: Partido da xornada 7 de liga na Segunda RFE disputado no Estadio Eusebio Arce de Escobedo.