Un lamentable episodio de violencia obrigou este domingo 15 á suspensión dun partido de balonmán de categoría cadete feminina entre o Sanxenxo Balonmán e o BM Rasoeiro do Grove que se disputaba no pavillón de Vilalonga, tras producirse unha agresión na bancada que rematou cun home de preto de 70 anos no hospital con fractura cranial.
Os feitos aconteceron durante o transcurso do encontro, cando un espectador empuxou outro afeccionado de avanzada idade, que resultou ser o avó do árbitro do partido.
A vítima sufriu unha fractura cranial que requiriu o seu traslado urxente ao hospital, onde permanecía á espera dunha posible intervención cirúrxica.
O incidente cobra unha especial gravidade, segundo relata o colectivo arbitral, ao ter que ser testemuña directa o propio colexiado do encontro, un mozo de tan só 15 anos, que tivo que se enfrontar á dramática situación de ver o seu avó inconsciente no chan.
Segundo indican distintas fontes, axentes da Garda Civil identificaron o presunto agresor como un familiar dunha integrante do BM Rasoeiro.
A Federación Galega de Balonmán reaccionou con contundencia ante os feitos, emitindo un comunicado no que condena "enerxicamente os lamentables actos de violencia" e anuncia a convocatoria urxente dunha reunión con todos os clubs galegos para este luns ás 20:00 horas, co obxectivo de adoptar medidas inmediatas que axuden a concienciar á afección.
Tanto o Sanxenxo Balonmán como o Rasoeiro mostraron a súa total colaboración para esclarecer o sucedido.
A Federación Galega de Balonmán aproveitou para reiterar que "o balonmán é un deporte que une, educa e forma" e fixo un chamamento especial ao civismo nas bancadas, especialmente no balonmán base, "onde os rapaces e as rapazas deportistas deben ser a única prioridade".
O organismo federativo comprométese a "adoptar as medidas oportunas en colaboración cos organismos competentes" para evitar que situacións coma esta se repitan, baixo o lema #ASINON, en defensa dun "balonmán libre de violencia".
Desde o Club Rasoeiro Balonmán manifestaron tamén en redes sociais o máis profundo rexeitamento e condena a calquera acto de violencia que contraveña os valores de respecto, convivencia e deportividade que defendemos como club.
"Lamentamos profundamente os feitos ocorridos no partido da categoría cadete feminina que desputaban ambos clubs, onde un espectador agrediu de forma inxustificada a outro", sinalan.
"Este lamentable incidente deixou claro que non estamos ante unha situación con 'dúas partes implicadas', senón ante un acto de agresión no que hai un agresor e unha vítima", explican nas redes.
"Queremos recalcar que este tipo de comportamentos non teñen cabida nos nosos clubs nin no deporte, e tomaremos todas as medidas necesarias para que situacións como esta non volvan acontecer", indica o club.