Un partido máis preto do ascenso está o Marín Peixe Galego tras superar unha durísima proba na pista do Club Baquet Tarragona (79-83).
Os de Javi Llorente mostraron en Cataluña a súa versión máis aguerrida para levantar un encontro complicado e impoñerse nun final de infarto, grazas en parte á súa efectividade desde o tiro libre, cun 90% de acerto (28 de 31), especialmente nos últimos minutos.
O cadro local puxo en moitos apuros aos de Marín desde o salto inicial. Así, cun bo traballo defensivo, lograban unha renda de cinco puntos ao seu favor (20-15) ao final do primeiro cuarto que manterían ata o descanso (39-34) no medio dunha tremenda igualdade en pista.
A renda ascendería ata os seis puntos antes dos 10 minutos finais (61-55), pero foi entón cando apareceu o mellor Peixe Galego, o líder da LEB Prata, para tirar de galóns e dar a volta ao partido.
Cun Rogers imparable desde a liña de tres puntos (7 de 9) o Marín púxose por diante no ecuador do último cuarto e foi capaz de manexar a presión mellor que o seu rival nun final agónico. Con 12 segundos por xogarse (78-79) Rogers, que logrou 31 puntos no partido, non fallou desde o tiro libre acabando coas esperanzas locais.
A sexta vitoria consecutiva do Peixe Galego mantén ao cadro marinense como líder destacado da competición, con dous triunfos de vantaxe sobre os seus inmediatos perseguidores.