Agnieta Francke é a derradeira fichaxe do Farto-BTC, pechando desta forma a última vacante dunha plantilla versátil de 14 corredoras. Provén do equipo Belori-Vipeq, e conseguiu varios pódiums e resultados de honra en carreiras do calendario UCI profesional e nacional español.
Francke é holandesa de nacemento, actualmente residindo en Grazalema (Cádiz) fai xa varios anos. Compartiu equipo UCI con ciclistas da talla de Marianne Vos ou Van Vleuten. Como a derradeira firma para a tempada do Team Farto-BTC, Agnieta declara que, "faime moita ilusión volver á categoría UCI e de poder facelo co Farto-BTC, porque é un equipo que pon o bienestar das súas corredoras por diante de calquera resultado", declaracións que podemos ver na súa conta de Twitter e na do seu novo equipo. "Sentirnos ben con nós mesmas e co que facemos é fundamental para o noso rendemento como persoas e como deportistas."
A deportista afirma que, ao igual que o equipo marcará unha diferencia na súa vida, espera que como conxunto poidan marcar un antes e un despois no deporte femnino e que as ciclistas do futuro teñan as mesmas oportunidades e facilidades que os seus compañeiros masculinos.
Brais Dacal, director xeral, tamén declara o seu agrado e satisfacción por ter a Agnieta no equipo: "estou moi contento de poder contar con Agnieta. Levo seguíndoa varios anos polos seus resultados e a súa forma de correr. Pode ensinar e aportar moito ás súas compañeiras. Ademais, vén dun equipo amigo, creo que vaise sentir como na casa e iso vaina axudar a obter grandes logros!".
En canto ao equipo, UCI Continental feminino, éste é o primeiro de Galicia. Forma parte do Club Ciclista Farto, que inclúe equipos de escolas e Élite masculino.