Non conseguir clasificarse para os Xogos Olímpicos de Tokyo foi un verdadeiro pau paraAdrián Sieiro, non en balde "levabamos desde 2017 ata 2020 gañando todos os selectivos nacionais de C-2 1.000", recoñece sobre a súa etapa facendo equipo con Sergio Vallejo, pero unha serie de contratempos no ano clave enterrearon as súas esperanzas.
"O ano pasado acabei bastante tocado por non conseguir o obxectivo que era ir aos Xogos e por iso plantexeime virme para aquí, necesitaba cambiar de aires", explica a PontevedraViva o padexeiro pontevedrés (Piragüismo Poio Pescamar) desde a súa nova base de adestramento, na casa, no Complexo Deportivo David Cal Pontillón do Castro, en Verducido.
Sieiro deixou atrás moitos os seus preparándose co equipo nacional de piragüismo no Centro de Alto Rendemento de Sevilla, para facelo agora ao abrigo dos seus aproveitando que o complexo pontevedrés acolle a infraestrutura do equipo nacional sub-23 de canoa. "Non o considero un paso atrás", defende, senón unha maneira de recuperar a motivación para aferrarse ao soño de converterse en olímpico na que será, case con total seguridade, a súa última oportunidade.
"Imos a por París como sexa", sinala con determinación, e é que "se desta non vai non vou aguantar aquí moitos máis anos, teño xa 30 anos, serían 7 máis enriba e non me vexo. De feito se tivésemos conseguido ir aos Xogos ata me plantexei retirarme", revela, pero evitouno o non querer quedar con esa espiña cravada.
De momento esa pelexa non será co seu compañeiro de tantos anos, o poiense Sergio Vallejo, senón co balear Joan Moreno con quen xa competiu durante os últimos meses de 2021. "Gustaríame desde o inicio do ciclo seguir compartindo embarcación con Sergio, pero agora mesmo Vallejo operouse do cóbado", explica Adrián Sieiro, contento tamén co nivel de entendemento coa súa nova parella no C-2. "É moi bo tamén", defende, aínda que vivir en lugares diferentes fai que teñan que alternarse entre Pontevedra e Palma de Mallorca con viaxes periódicas.
A piques de estrear tempada no Campionato de España de Inverno en Sevilla ten claro cal é a gran meta en 2022. "O obxectivo número uno do ano é o Mundial de Canadá", explica o pontevedrés, pero para iso deberá vencer no proceso de selección nacional. Chegar alí e protagonizar un bo papel nun C-2 que reduce a súa distancia a 500 metros, algo que asegura benefícialle xa que "se me dan un pouco mellor as distancias curtas que os 1.000 metros", sería toda unha reivindicación mirando cara ao próximo ano, no que se repartirán as primeiras prazas olímpicas.