Só 43 milésimas separaron do podio a Sergio Vallejo e Adrián Sieiro no Campionato do Mundo Sprint de Piragüismo que este domingo chegaba ao seu fin en Montemor ou Velho, Portugal.
Os deportistas do Piragüismo Poio Pescamar, que foran oitavos na final do C-2 1.000 metros, repetiron presenza nunha final na proba dos 500 metros e a piques estiveron de coarse no podio de honra ao ser cuartos.
Sieiro e Vallejo pararon o crono en 1:41.830, superados por unha escasísima marxe polos polacos Arsen Sliwinski e Michal Lubniewski (1:41.787). Os gañadores foron os brasileiros Erlos Silva e Isaquias Dos Santos (1:40.043), mentres que a medalla de prata foi para os rusos Viktor Melantev e Vladislav Chebotar (1:41.590).
A última xornada deixou ademais a presenza na final de Antía Jácome (Ciudad de Pontevedra) e María Pérez (O Muíño) no C-2 200, finalizando no sétimo posto.
Tamén se meteu na regata final polas medallas a canguesa Teresa Portela no K-1 200 metros, sendo oitava, e Tono Campos (Breogán) foi sexto no C-1 5.000.