Adrián Mouriño marcha cedido ao Rápido de Bouzas

Pontevedra
24 de xaneiro 2019

O Pontevedra confirmou este xoves a baixa do futbolista, deixando así unha ficha libre para a chegada dun reforzo en idade sénior. Mouriño xogará ata final de tempada no Rápido de Bouzas

Adrián Mouriño, no partido de Copa Federación ante o Navalcarnero
Adrián Mouriño, no partido de Copa Federación ante o Navalcarnero / Mónica Patxot

Antes de entras, hai que facer sitio. Con esa máxima empezou a moverse o Pontevedra coa súa primeira xestión confirmada no mercado invernal.

O club granate fixo oficial á primeira hora deste xoves a saída de Adrián Mouriño, que "formará parte do plantel do Rápido de Bouzas ata final de tempada", reza o comunicado da entidade de Pasarón.

Mouriño, que encaraba o seu quinto curso defendendo a elástica granate, buscará así na mesma categoría os minutos que esta campaña estábanselle negando.

En todo caso a súa saída prodúcese en forma de cesión, sinalando o Pontevedra que "espera a súa volta".

Coa súa baixa federativa quedan agora dúas fichas sénior dispoñibles, sumando a do lesionado Javi López, que serán ocupadas por uns reforzos que están ao caer.

Adrián Mouriño será presentado este xoves ás 12:00 horas co seu novo club no Estadio Baltasar Pujales.