Adrián León e Kevin Presa "están fuera del club", asegura Lupe Murillo

Pontevedra
21 de xuño 2019

A presidenta do Pontevedra Club de Fútbol compareceu este venres acompañada de Roberto Feáns e anunciou as renovacións de Churre, Javi López, Berrocal, Campillo, Álex González, Álex Fernández e Nacho López

Lupe Murillo e Roberto Feáns entrando na sala de prensa de Pasarón
Lupe Murillo e Roberto Feáns entrando na sala de prensa de Pasarón / Mónica Patxot

Salvo xiro inesperado, Adrián León e Kevin Presa non seguirán no Pontevedra Club de Fútbol. Así o recoñeceu a presidenta da entidade, Lupe Murillo, sinalando que ambos "están fuera del club" tras non chegar a bo termo os contactos para lograr a súa renovación.

A máxima dirixente granate compareceu este venres no Estadio Municipal de Pasarón acompañado do conselleiro responsable da planificación deportiva, Roberto Feáns, e anunciou as renovacións de Churre, Javi López, Berrocal, Campillo, Álex González, Álex Fernández e Nacho López. Salvo o primeiro deles, que asina por dous anos, todos comprometéronse por unha campaña máis.

Únense así a un plantel no que tamén figuran Pedro Vázquez, Edu Sousa, Romay, Javi Pazos, David Castro e Adrián Mouriño. No caso de Romay, a presidenta revelou que"quiere quedarse más tiempo y ha pedido renovación por más años".

O Pontevedra anunciou as renovacións de Churre, Javi López, Berrocal, Campillo, Álex González, Álex Fernández e Nacho López

En canto aos dous futbolistas cos que non se chegou a un acordo, Adrián León "dispone de otras propuestas y creo que está más lejos que cerca", explicou Roberto Feáns, mentres que Kevin Presa "tiene expectactivas de otra categoría", en concreto para xogar na Segunda División. O director deportivo non descartou en todo caso que poida terminar defendendo a elástica granate a próxima tempada, aínda que Lupe Murillo foi máis contundente co tema, polo que o Pontevedra xa busca substitutos no mercado.

Outros que "tienen dudas", recoñeceu Feáns, son os xemelgos Juan e Jesús Barbeito. Ademais o conselleiro quixo "desearles suerte" aos futbolistas cuxa continuidade está xa descartado, como son Mikel Arruabarrena, Rubén Ualoloca, Pibe e Nacho Lorenzo.

Por outra banda o Pontevedra non descarta a volta dun dos xogadores que actuou como cedido desde o pasado mercado invernal, Álvaro Bustos, co que "esperamos tener alguna oportunidad", explicou Roberto Feáns asegurando que o futbolista ve con bos ollos a posibilidade de volver a Pontevedra. Todo  dependera en todo caso do club que ostenta os seus dereitos deportivos, o Mallorca.

FICHAXES

Con gran parte do plantel cuberto, o Pontevedra conta a día de hoxe "con tres fichas sénior disponibles", sinalaron os responsables da entidade, unhas fichas que se queren cubrir cun central, un centrocampista e un dianteiro que dean un salto de calidade ao equipo e lle permitan loitar pola zona nobre da táboa, sen esquecer algunha incorporación en idade sub-23.

Ademais "subiremos jugadores del fútbol base para completar la plantilla", sinalaron unha comparecencia coa que querían pechar a tempada deportiva do club, e que se atrasou, xustificaron, polos equipos da base que seguían competindo, xa que o Infantil B aínda xogará este sábado na final da Copa Deputación da súa categoría.