Adrián Cruz volve ao Pontevedra e Javi Pazos márcha ao Arenteiro

Pontevedra
31 de xaneiro 2020

Movemento de última hora no Pontevedra Club de Fútbol, que ao fío do peche do mercado invernal de fichaxes pechou a incorporación do moañés Adrián Cruz. O centrocampista, canteirán granate, chega procedente do Guijuelo e ocupará a ficha que deixa libre Javi Pazos

Adrián Cruz, durante o partido entre Pontevedra e Murcia en Pasarón
Adrián Cruz, durante o partido entre Pontevedra e Murcia en Pasarón

Xornada de moito movemento e nerviosismo a deste venres 31 de xaneiro nas oficinas do Pontevedra Club de Fútbol, coincidindo co peche do mercado invernal de fichaxes.

O día arrincou coa confirmación da non fichaxe de Álvaro Bustos polo MKS Cracovia polaco, tras non superar o recoñecemento médico, unha "buena noticia" a nivel deportivo para o técnico Carlos Pouso pero un contratempo para as negociacións abertas, xa que a ficha sénior que ía quedar dispoñible seguía ocupada.

Quedaban iso si unhas horas para chegar ao tope establecido pola Federación Galega de Fútbol para tramitar as altas e baixas e envialas á RFEF.

Todas as miradas pousáronse entón sobre Javi Pazos, a quen esta semana se lle comunicou o pouco protagonismo que tería en caso de quedar coa chegada de Rufo e a quen as portas do primeiro equipo granate pecháronselle de súpeto.

Finalmente tras un tira e afrouxa entre as partes o dianteiro marinense terminou aceptando a súa saída con destino ao Arenteiro da Terceira División.

Solucionada esta situación, faltaba coñecer quen ocuparía o seu lugar, e ese posto será finalmente para outro futbolista criado na casa, o moañés Adrián Cruz, que tras varios anos peregrinando por equipos de toda a península na categoría de bronce volverá defender as cores do Pontevedra.

O centrocampista de 32 anos rescindiu este mesmo venres o contrato que lle unía co Club Deportivo Guijuelo, undécimo clasificado do Grupo II. Cruz, canteirán granate, militou nas últimas tempadas en equipos como o Murcia, Burgos, Logroñés ou Rácing de Ferrol, entre outros, todos eles na categoría de bronce xunto a unha breve experiencia no Osasuna en Segunda.

Este curso disputou co Guijuelo 14 partidos entre liga e Copa do Rei, 13 deles como titular.

Desta forma o Pontevedra pecha o mercado de fichaxes cunha notable renovación coas chegadas de Rufo, José García, Eneko Zabaleta e o propio Adrián Cruz e as saídas de Javi Pazo e Alfredo Mejía.