O regreso aos adestramentos do Pontevedra Club de Fútbol tras o empate sen goles contra o Ibiza tivo este luns 3 de febreiro dous nomes propios, ambos por estar ausentes da sesión.
Un deles é a última fichaxe do mercado invernal, o moañés Adrián Cruz, que chegou a achegarse ata o campo de Cerponzóns no tramo final da sesión pero que non chegou a vestir de curto.
O centrocampista foi sometido a unha revisión médica, despois de perder as últimas xornadas co seu anterior equipo, o Guijuelo, por problemas físicos.
O outro futbolista que non tomou parte da sesión foi José García, debido á dor no ombreiro que aínda arrastra do choque ante o Ibiza, cando no tramo final do partido danouse a articulación provocando que mesmo o adestrador rival, Pablo Alfaro, médico de profesión, saltase ao campo para comprobar o seu estado.
O extremo deixouse ver polo campo de adestramento co brazo en estribeira, unha situación que complica a súa presenza na próxima xornada de liga, na que os granates visitarán o campo do líder, o Atlético Baleares.
Pola súa banda, nun adestramento planificado de recuperación, Berrocal continuou co seu plan de recuperación coa previsión de incorporarse plenamente ao grupo ao longo da semana.