Continúan as despedidas dos integrantes do último persoal do Pontevedra. Ao adeus de Eneko Zabaleta, Jorge Fernández, Xisco Campos, Imanol e Borja Martínez únese agora o de Adrián Cruz. O centrocampista de Moaña compartiu nas súas redes sociais unha carta na que fai oficial a súa marcha e mostra o seu agradecemento "ao club ao que máis agarimo lle teño".
Aínda que recoñece que "me gustaría continuar", o mediocentro non garda ningún tipo de rancor por poñer punto e final á súa segunda etapa como granate. Na misiva, Cruz dá as gracias "a todo o que engloba esta entidade", incluídos utilleros, corpo técnico, persoal de oficinas, compañeiros de vestiario e, sobre todo, ao corpo médico e á afección. Aos últimos porque "aínda que non estivese ao meu mellor nivel, sempre sentín arroupado" e aos anteriores porque "por desgraza este tempada tivéronme que aturar bastante".
Conclúe o moañés a súa carta asegurando que "sentirei orgulloso de vestir esta camiseta de por vida e e sempre me alegrarei das vitorias do Pontevedra".
Hai que roelo!!! pic.twitter.com/vHaAbHGxaU
— Adrian cruz juncal (@cruz_adri10cj) June 29, 2021
Adrián Cruz iniciou a súa segunda etapa en Pasarón despois da súa fichaxe polo Pontevedra no mercado de inverno da tempada 2019/2020, na que só tivo tempo a disputar tres partidos por estalido da pandemia. No último curso foron as lesións as que lle privaron de gozar de máis minutos, aínda así erixiuse como un xogador importante tanto para Jesús Ramos como para Luisito, cos que disputou 17 partidos.
Formado nas categorías inferiores do cadro granate, Cruz debutou co primeiro equipo na tempada 2009/2010, na que disputou 17 partidos para, no mesmo curso, recalar nas filas do Poli Exido. Ao ano seguinte regresou a Pasarón pero non puido evitar o descenso a Terceira División a pesar de participar en 25 partidos. Consumada a perda de categoría, Cruz fichou polo Montañeiros para defender daquela as cores do Mariño, Ourense, Racing de Ferrol, Osasuna, Logroñés, Murcia, Burgos e Guijuelo. Co cadro navarro chegou a debutar en Segunda División.
Unha vez confirmada a súa saída do Pontevedra, Adrián Cruz recoñeceu nos micrófonos da Radio Galego que se atopa en negociacións co Arosa, que o próximo ano competirá contra os granates na 2ª RFEF.