O Pontevedra Club de Fútbol anunciou a marcha de Uzochukwu Ogumka 'Adighibe'.
O dianteiro centro, de 24 anos, sae libre e o Pontevedra CF resérvase a opción de recuperar ao xogador durante dous anos.
Segundo trasladan desde o club granate, Adighibe necesita minutos de xogo por ser un mozo novo, e con Charles e Rufo na dianteira resultaría complicada a súa titularidade. Tamén apuntan que foi fácil o acordo polo interese de ambas as partes.
Unha vez comunicada a súa saída, Adighibe publicou na súa conta de Twitter unha mensaxe dirixida ao Pontevedra CF: "con un corazón agradecido digo GRACIAS" e engade "¡Muchísimas gracias a todos los fanáticos y a toda la gente de Pontevedra! Es hora de seguir soñando y trabajar para poder estar donde te mereces. Dios los bendiga a todos".
Adighibe vaise para o Talavera onde reencontrarase co excapitán granate Edu. O dianteiro nixeriano chegara ao Pontevedra logo de alcanzar un acordo co Unión Adarve para a rescisión do seu contrato.
Desde o club despedíronse publicamente cun "Hasta pronto pantera. Deseamos que todo salga bien" e tamén apuntan que "tu bondad y honestidad merecen la mayor de las suertes".
ADRIÁN CRUZ CONTINÚA
O Pontevedra CF tamén comunicou a continuidade do moañés Adrián Cruz. O centrocampista tiña contrato en vigor.