As Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas celebraron esta Semana Santa en Marín a súa segunda edición, unha experiencia que abarcou todos os aspectos relacionados co pelotón feminino.
Organizadas pola Federación Ciclismo Galego (FCG), trátase dunhas xornadas para formar ás promesas autonómicas da man de grandes especialistas, adestrar e crear vínculos. Foron dous días nos que se fomentou o binomio muller e bicicleta, por segunda vez, en Marín.
As participantes aloxáronse en réxime de pensión completa no colexio San Narciso e o programa das xornadas celebrouse no auditorio deste colexio.
A programación comezou na mañá do mércores 5 de abril con dúas charlas. A primeira sesión didáctica, titulada 'Ciclo Menstrual e Rendemento', ofreceuna José Ramón Lillo Bevia, doutor en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.
A segunda actividade foi o relatorio 'A Evolución do Ciclismo Feminino', a cargo de Gemma Pascual, presidenta da Comisión nacional de ciclismo feminino e Seleccionadora española de ciclismo feminino en ruta.
Non faltaron nestas xornadas a alcaldesa e o concelleiro de Deportes de Marín, María Ramallo e Antonio Traba, acompañados por Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego.
Durante a tarde tocou adestrar. As corredoras dividíronse en tres grupos: as bikers de Cross Country Olímpico rodaron coa ciclista local Irene Trabazo á fronte; as riders das especialidades gravity traballaron e desfrutaron sobre a bicicleta seguindo as indicacións da seleccionadora Eva Castro; e as ciclistas de estrada acumularon quilómetros sobre o asfalto baixo a supervisión do seleccionador Jacobo Ucha.
Coral Fernández Gumiel foi a encargada de retomar as charlas na mañá do Xoves Santo. A Xefa de División na Comisión Española para a Loita Antidopaxe no Deporte (CELAD) falou sobre 'Dopaxe o que debes saber'.
A continuación, tomaron a palabra catro mulleres que desempeñan diferentes funcións nos ciclismo galego. A fotógrafa Luz Iglesias, a excorredora e actual seleccionadora Eva Castro, a árbitra de categoría nacional Dolores Cuñarro e a médica Pilar Pavón mantiveron un coloquio no que as súas vivencias persoais serviron para realizar unha reflexión desde diversos ángulos en clave feminina sobre a realidade deste deporte.
As xornadas remataron cun paseo por Marín.