Adestramento de taekwondo á carta durante a corentena no Mace Sport

Pontevedra
22 de maio 2020

Miguel Cortegoso utilizou todas as ferramentas dixitais, con sesións de adestramento e correccións personalizadas, para manter o interese e a progresión dos seus pupilos

Lores e os representantes do Mace Sport falan distendidamente
Lores e os representantes do Mace Sport falan distendidamente / Boris Rodríguez Pintos

O confinamento obrigou a modificar rutinas en todo o mundo. O taekwondo, un deporte de contacto, non foi alleo e os adestradores tiveron que improvisar novos métodos para conseguir que a progresión dos seus pupilos non se estancara. É o caso de Miguel Cortegoso, do Mace Sport de Pontevedra, que ao longo da cuerentana ofreceu infinidade de posibilidades aos seus aprendices para seguir perfeccionando a súa técnica desde casa. 

"A intención era manter o contacto, primeiro empezamos por Whatsapp. Eu enviáballe vídeos e eles repetíanos para que eu os corrixise. Pero había días que me tiraba ata as dúas da mañá corrixindo", lembra o adestrador. Coa necesidade de axilizar as correccións, deron o salto aos directos. "Buscamos algo máis rápido e empezamos a facer directos por Instagram, Youtube ou Zoom", relata o técnico.

Con todo o rendemento foi decaendo co tempo, admite resignado. "Ao principio estaban moi ilusionados, querían saír na tele e algún mesmo facía mal os exercicios aposta para poder repetilos", confesa entre risas. Con todo, a desescalada e chegada do bo tempo levou aos alumnos a buscar outros entretementos. "O que máis lles afecta é o sol, os que teñen leira prefiren saír a tomar o aire. Algún deixaba a cámara acesa e cando lle tocaba non estaba, estaba no xardín", recoñece o adestrador.

Co inicio da desescalada e os primeiros permisos para saír á rúa, regresan as ganas por volver ao tapiz. "Ás oito saímos a correr e facemos os nosos exercicios, aínda que tamén sigo coas clases en directo ás seis", explica Cortegoso. Pero o seu labor non acaba ahi, para enriquecer os adestramentos dos seus pupilos, o técnico está a realizar visitas aos seus domicilios ou sesións individuais no seu propio xardín. Ademais, préstalles o material necesario a cambio de que graven un vídeo diario.

Durante esta tempada, non só houbo adestramentos. Tamén se realizaron campionatos a través das redes sociais, pero os resultados non foron do todo satisfactorios. Explica o propietario do Mace Sport que en moitas ocasións os problemas de conexión impedían aos xuíces ver con claridade os movementos e obrigaban aos competidores para repetir, outros gravaban as súas accións ata lograr o resultado ideal antes de envialas aos árbitros e cando se realizaban en directo as esperas facíanse eternas. "Algúns tiñan que entrar ás 10 e non o facían ata as 16 horas", expón o técnico. 

Aínda así conseguiron varias medallas en diversos campionatos, "envíannolas por correo, pero aínda non as recibimos", afirma entre risas o adestrador que está a promover agora un torneo dixital a nivel galego de técnicas de combate.

A mellora da situación sanitaria anima ao optimismo e se Pontevedra entra o día 25 na Fase 2 da desescalada, Miguel Cortegoso confía en poder retomar as clases presenciais. "Teño xa un plan de adestramento e temos instalacións, cunha sala de taekwondo de máis de 100 metros cadrados, para cumprir con todas as normas de seguridade. Estou moi ilusionado", recoñece o adestrador que durante a corentena viu reducido o número de matriculados dos 200 a menos de 20.