Actividades culturais, de lecer e turísticas completarán a programación da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon

Pontevedra
24 de novembro 2022

O comité organizador do evento que se celebrará en 2023 en Pontevedra acordou promover de xeito explícito o fomento e a creación de actividades paralelas co fin de ampliar a estancia dos deportistas na cidade e en toda Galicia

Miguel Anxo Fernández Lores e Gorka Gómez en Abu Dhabi coa triatleta Susana Rodríguez
Miguel Anxo Fernández Lores e Gorka Gómez en Abu Dhabi coa triatleta Susana Rodríguez / Concello de Pontevedra

Segunda xornada da comitiva pontevedresa desprazada a Abu Dhabi con motivo da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon 2022 para avanzar na organización do evento que se desenvolverá o próximo ano na Boa Vila.

Este xoves celebrouse un novo encontro do comité organizador, contando coa participación do secretario xeral da Federación Internacional (World Triathlon), Antonio Arimany; o presidente da Federación Española de Tríatlon, Fernando Hidalgo; dous membros máis do organismo federativo nacional como Jorge García e Alicia García; e os representantes de Pontevedra co alcalde á cabeza, Miguel Anxo Fernández Lores, así como o deputado provincial Gorka Gómez e un técnico municipal. 

Na reunión acordouse formalmente fomentar actividades culturais, de lecer e turísticas que amplíen a estancia dos participantes máis aló das datas das probas deportivas en Pontevedra e no resto de Galicia, tanto nos días anteriores á competición oficial, como nos posteriores.

"Estamos buscando e ideando fórmulas que permitan ampliar a estancia dos triatletas e das súas familias nas Rías Baixas e no país, ofertando experiencias que vaian desde facer o Camiño de Santiago, polo menos algunhas etapas, ou achegarse ata o Parque das Illas Atlánticas, por exemplo", explica Lores asegurando que "todos temos a idea de que a nosa cita sexa un evento inolvidábel para todos os que se acheguen a Pontevedra. Queremos que sexa algo espectacular e que coñezan outras cousas, que se leven con eles experiencias de ocio, culturais e gastronómicas, non só deportivas".

O alcalde expuxo a posibilidade de que a organización ofreza paquetes turísticos que permitan esa prolongación nas estancias previstas. "Temos unha gastronomía impresionante, un patrimonio etnográfico e histórico realmente importante, e temos que poñelo en valor, facerllo ver, e así o lograremos. Estamos a idear unha serie de plans promocionais nese sentido e os triatletas e as triatletas saberán que poderán vir antes da proba, gozar do noso país, ou quedar despois da competición, coñecer o que temos, gozar e ter unha experiencia inolvidábel en Pontevedra 2023", explicou Fernández Lores.

Os representantes pontevedreses apoiaron tamén este xoves en Abu Dhabi á viguesa Susana Rodríguez, que conseguiu a medalla de ouro na proba de paratriatlón e que "é unha persoa que nos enche de orgullo a todos os galegos", afirmou o rexedor da Boa Vila.