O balonmán pontevedrés respira derbi, co esperado partido que enfrontará o vindeiro sábado no pavillón do Gatañal o Cangas e o Club Cisne, correspondente á décima xornada de competición da Liga Asobal.
O bo ambiente nas bancadas está asegurado, e máis tras o acordo alcanzado entre os dous clubs para pactar o prezo das entradas para a afección visitante, e que será o mesmo que se fixe no choque de volta no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.
Desta forma, segundo explicou o Cisne, os seus abonados poderán adquirir a súa entrada a un prezo de 15 euros, 7 euros no caso das categorías xuvenil e infantil.
O custo para o resto de afeccionados será de 25 euros.
Os tickets poden reservarse previamente a través do correo electrónico [email protected] indicando nome e número de socio antes das 11.00 horas do sábado, pero tamén se poderán sacar no despacho de billetes do Gatañal presentando o carné de abonado do club pontevedrés.