Acordo antes do mércores co novo adestrador ou prórroga a Jesús

Pontevedra
28 de outubro 2019

É o prazo que manexa o Pontevedra nas negociacións para substituír a Luismi. Se non se chega a un acordo cun técnico antes do próximo mércores, o máis probable é que Jesús Ramos se manteña unha semana máis no banco para tentar non desviar a atención do plantel da preparación do choque ante o Melilla

Jesús Ramos dirixe o adestramento do Pontevedra tralo cesamento de Luismi
Jesús Ramos dirixe o adestramento do Pontevedra tralo cesamento de Luismi / Cristina Saiz

O triunfo do pasado sábado ante o Celta de Vigo B en Barreiro deu aire ao Pontevedra e tempo aos seus dirixentes para decidir cal é a mellor opción para o banco granate tras a destitución de Luismi.

Neste sentido nas últimas horas cobrou forza a opción dun veterano da Segunda B como Carlos Pouso, segundo adiantou o domingo a Radio Galega.

Con todo aínda que os contactos co ex entre outros de Logroñés, Racing de Santander,  Guijuelo ou Mirandés existen e fóronse achegando posturas entre ambas as partes, non é o único técnico co que se manteñen negociacións abertas.

En todo caso, no club granate márcanse un prazo para pechar un acordo, polo menos de momento, e ese prazo é o do próximo mércores 30 de outubro. É a data na que o primeiro plantel regresará aos adestramentos tras a xornada de descanso prevista para o martes, e por tanto é cando intensificará a preparación para o compromiso ligueiro contra o Melilla.

A idea é que o novo adestrador poida xa vestir de curto ese día, e de non ser así o máis probable pasará a ser a continuidade unha xornada máis de Jesús Ramos no banco para non desviar a atención dos xogadores ante unha cita considerada de vital importancia para tentar afastarse dos postos de descenso.