Accidentado inicio do Farto en La Vuelta

Pontevedra
02 de maio 2023

O club pontevedrés abriu fogo na rolda por etapas nunha contrarreloxo por equipos na que non puido contar coa súa fichaxe estrela, Michaela Drummond, ao non aceptar a súa inscrición a Real Federación Española de Ciclismo

O Farto-BTC na contrarreloxo por equipos da primeira xornada de La Vuelta, en Torrevieja
O Farto-BTC na contrarreloxo por equipos da primeira xornada de La Vuelta, en Torrevieja / Unipublic / La Vuelta

Non comezou da mellor maneira Volta Ciclista a España para o Farto-BTC.

O club pontevedrés, único equipo galego con licenza UCI Continental, estreouse este luns en La Vuelta coa contrarreloxo por equipos celebrada en Torrevieja, e na que non puido contar coa súa fichaxe estrela, a neozelandesa Michaela Drummond.

O Farto anunciara a súa incorporación para a rolda española, co obxectivo de aumentar as súas opcións de pelexar por clasificacións secundarias e mesmo por algunha etapa ao ser unha ciclista especialista no sprint. Con todo a Real Federación Española de Ciclismo non aceptou a súa inscrición.

"Non puido estar na saída por motivos externos ao equipo, pero as sete que van saír van ir con todo para representar a Galicia e o Farto BTC", explicou antes do inicio da etapa o mánager do equipo, Brais Dacal.

Xa en carreira, nunha crono que non era o obxectivo, o Farto pechou a clasificación dos 23 equipos en competición ao completar os 14,5 quilómetros de percorrido en 21 minutos e 25 segundos, a 3:22 do Jumbo-Visma.

Este martes 2 de maio, segunda xornada de competición, o pelotón da Volta afronta unha etapa de 105,8 quilómetros entre Oriehuela e Pilar de la Horadada (Alacante).