Non foi a mellor estrea posible esta tempada na Copa do Mundo de BTT para Lucía Vázquez, que pasou un auténtico calvario en Albstadt (Alemaña).
A ciclista de Vilaboa tivo que aguantar catro días de incerteza no país xermano sen saber se podería competir, xa que a compañía aérea extraviou a súa bicicleta e equipaxe.
Finalmente, e tras moitas xestións, o material chegou a Albstadt só 16 horas antes da carreira, na que a biker pontevedresa tiña depositadas moitas esperanzas para progresar no ránking internacional.
Sen adestrar e sen probar o circuíto foi moi complicado render ao seu nivel, o que fixo que concluíse na posición 74 da carreira.
Por sorte Lucía Vázquez non terá que esperar moito para quitar a espiña, xa que esta mesma semana afrontará a terceira proba puntuable da tempada na Copa do Mundo, na localidade francesa da Bresse.