Foron semanas moi longas de espera pero, por fin, Pablo Crespo respira tranquilo. Aos seus 22 anos acudirá aos seus primeiros Xogos Olímpicos.
Así o confirmou este martes a Federación Española de Piragüismo, que incluíu ao pontevedrés entre os seus deportistas para París 2024.
A entrada de Crespo no equipo olímpico español prodúcese despois de que a federación internacional confirmase oficialmente a renuncia de Rusia á praza do C1 1.000 metros, polo que España é a que recolle esa cota olímpica para participar nas olimpíadas.
Así, o padeeiro do Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra poderá competir en París, despois de gañarse o dereito para ocupar esta praza por méritos propios.
Pablo Crespo logrou facerse co posto despois de vencer no selectivo nacional que se celebrou en abril no encoro de Pontillón de Castro, pero non foi ata un mes despois cando, no Preolímpico de Szeged, previo á Copa do Mundo, loitou por esta praza.
Alí, tiña que terminar entre primeiro ou segundo na final e o deportista pontevedrés terminou terceiro, por detrás do ruso Zakhar Petrov, que compite baixo bandeira neutral, e do italiano Nicolae Craiciun.
Para que España puidese lograr esa praza nos xogos, a federación rusa debía de renunciar á súa xa que, nese mesmo preolímpico, o C2 500 ruso lograra un posto na saída de Paris 2024 e só podían quedar cunha das dúas prazas conseguidas.
Finalmente, a renuncia neste C1 1.000 implica que España, e por conseguinte Pablo Crespo, acudirá a París para participar na proba do hectómetro individual da canoa.