Abre o prazo de inscrición para a XXX San Silvestre de Pontevedra

Pontevedra
03 de decembro 2013

A organización, a cargo da Sociedad Gimnástica, prepara xa a proba atlética máis popular do ano para despedir 2013. A inscrición debe realizarse na web do club antes do 26 de decembro

San Silvestre 2012, Pontevedra
San Silvestre 2012, Pontevedra / PontevedraViva

A festa do atletismo popular, ou o que é o mesmo, a San Silvestre pontevedresa, prepárase xa para a súa XXX edición.

A Sociedad Gimnástica, organizadora da proba, abriu o prazo de inscrición dunha cita que aspira a chegar aos 3.000 participantes para despedir o ano facendo deporte polas rúas da cidade.

Con saída e chegada na Avenida Monteiro Ríos, a San Silvestre disputarase, como é tradición, o próximo día 31 de decembro ás 17:00 horas, cun percorrido polo centro urbano de 3.700 metros.

A Gimnástica recorda que a participación está aberta para deportistas de todas as idades, aínda que os menores o deberán facer a cargo dos seus titores legais.

Para poder tomar a saída será obrigatorio contar co número oficial, sempre visible aínda que se acuda á cita con disfrace, tendo que realizarse a inscrición antes do 26 de decembro a través da web do club,www.sgpontevedra.com.

Un día despois, e ata a mañá do propio 31, poderanse recoller os números na Casa do Turista (praza da Verdura) permitindo a organización que os participantes de fóra da cidade o fagan na mesma saída ata as 16:30 horas.

RECOLLIDA SOLIDARIA DE ALIMENTOS

Como é tradición todos os atletas ou persoas que o desexen poderán depositar na liña de saída alimentos non perecedoiros que serán entregados ao Comedor Social de San Francisco.