O abono do Pontevedra, unha ganga grazas á Copa do Rei

Pontevedra
10 de xaneiro 2025

O carné de socio do Pontevedra está máis amortizado que nunca para os seus seguidores, e é que coa Copa do Rei incluída no abono o custo por partido pasou a ser do máis rentable

Partido de Copa do Rei entre Pontevedra e Mallorca en Pasarón
Partido de Copa do Rei entre Pontevedra e Mallorca en Pasarón /

Os afeccionados do Pontevedra Club de Fútbol que apostaron no verán por renovar ou retirar por primeira vez o seu carné de socio para toda a tempada viven con dobre satisfacción a exitosa participación do seu equipo na Copa do Rei.

O club granate afirmou no verán, no lanzamento da súa campaña de abonados, que o carné daría acceso a todos os encontros que se dispuasen durante o curso en Pasarón, e está a cumprir co prometido por moito equipo de Primeira División que se cruce no camiño.

É por iso que o carné está a resultar do máis rendible que se pode atopar no fútbol nacional, amortizado xa por completo no caso dalgunha categoría só cos encontros copeiros.

No caso das renovacións para o público adulto, os socios granates desembolsaron 90 euros nos fondos, 135 euros en Preferencia e 205 euros na bancada de Tribuna, unha cifra aínda menor para as persoas de categoría bonificada ou peñistas. As novas altas pagaron á súa vez 100 euros en Fondo Norte e Fondo Sur, 145 euros en Preferencia e 215 en Tribuna.

Pois ben, sumando o prezo das localidades no catro encontros de Copa, os tres disputados máis o próximo contra o Getafe, o afeccionado dun dos fondos que comprase todas as entradas (sen promocións) tería pagado xa 90 euros, o mesmo que custou renovar un abono para a mesma bancada.

O custo total en Preferencia ascende pola súa banda a 120 euros (a renovación no verán era de 135) e en Tribuna aos 155 euros (205 euros a renovación do carné). E todo iso sen contar os partidos de liga que se poden presenciar en Pasarón ao longo do curso.

A amortización é aínda maior nos menores de idade, posto que un abono infantil custaba 30 euros en fondos e Preferencia e 35 euros en Tribuna e o biberón (até os 6 anos) só 10 euros para calquera bancada.

Un negocio redondo que ademais, co asento garantido e bloqueado á venda, fai que os socios non teñan que preocuparse por conseguir un boleto para presenciar os oitavos de final da Copa, e o que veña.

Non é de estrañar que fosen moitos (máis de 300 persoas) os que, tras vencer o Villarreal, decidisen dar o paso e rexistrarse como novos socios ante unha nova eliminatoria contra un Primeira División. A recado non se arrepentiron da decisión.