Aberto o casting ao banco de Pasarón

Pontevedra
24 de maio 2023

A situación actual do Pontevedra Club de Fútbol, descendido matematicamente a Segunda RFEF e coa necesidade de reinventarse, augura importantes cambios empezando polo inquilino do banco. Propostas xa chegaron ás oficinas do Estadio Municipal de Pasarón, que agora deben ser valoradas e negociadas. Desde a chegada de Lupe Murillo á presidencia do club en 2014 a maioría de técnicos do equipo foron galegos, pero que propostas ofrece o mercado autonómico?

Juan Señor, no partido de Primera RFEF entre Pontevedra CF - Mérida en Pasarón
Juan Señor, no partido de Primera RFEF entre Pontevedra CF - Mérida en Pasarón / Cristina Saiz

A situación actual do Pontevedra Club de Fútbol, descendido matematicamente a Segunda RFEF e coa necesidade de reinventarse para rexurdir das súas cinzas, augura importantes cambios para a próxima tempada.

Un deles apunta cara ao banco, tendo en conta que Juan Señor non cumpriu co obxectivo marcado á súa chegada e que tería suposto a prolongación do seu contrato por un ano máis. Desde o club granate non prevén facer movementos públicos respecto diso ata que conclúa a competición, co derbi fronte ao Deportivo, pero as propostas empezan a chegar e a amontoarse nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón.

Neste sentido, botando a vista atrás, a maioría das apostas do club granate no que respecta a adestradores desde a chegada de Lupe Murillo á presidencia en 2014 foron galegas, fóra de Juan Carlos Pouso a metade da 19-20, de Ángel Rodríguez na 21-22 (pero chegando da man do director deportivo Toni Otero) e Juan Señor na actual. Con Lupe ocuparon o cargo de adestrador Manu Fernández, Luisito, Luismi, Jesús Ramos, Antonio Fernández e Toni Otero, ademais dos mencionados anteriormente.

Chegados a este punto no Consello de Admninistración deberán valorar a lista de candidatos e negociar co elixido, pero que propostas ofrece o mercado autonómico na actualidade?

  • Fran Justo: O ourensán é un dos adestradores galegos máis cotizados do momento. O seu bo papel no Arenteiro, ao que deixou líder destacado de Segunda RFEF para afrontar o reto case imposible de salvar ao Lugo na Segunda División, fixo que sexan moitos os que o ven como o candidato ideal para un novo proxecto. Justo con todo conta con serias opcións de adestrar en Primeira RFEF, o que o converte nunha opción complicada.
  • Míchel Alonso: Recentemente acabada a súa etapa en Formentera en Segunda RFEF, o ferrolán volve estar dispoñible. É un técnico con ampla experiencia en equipos galegos e tamén na Segunda B/Segunda RFEF, tras pasar polo Racing de Ferrol, Rápido de Bouzas, Somozas e Coruxo, co que rozou unha clasificación para o play-off de ascenso a Segunda División.
  • Jacobo e Marcos Montes: Os irmáns Montes pasaron polo banco do Coruxo, en dúas etapas e co que rescindiron a metade da presente tempada, Celta B e Guijuelo. Xa soaron en anteriores ocasións como candidatos ao posto en Pasarón.
  • José Luis Lemos: Moi valorado polo bo papel do Bergantiños en Segunda RFEF especialmente na 21-22 na que rozou a fase de ascenso. Deixou o cargo a metade do presente curso. Antes dirixiu a equipos da Terceira galega como Boiro e Cerceda.
  • Luisito: A súa primeira etapa no banco do Pontevedra segue sendo lembrada pola unión xerada coa bancada, logrando un ansiado ascenso a Segunda B e a clasificación para un play-off a Segunda. Regresou ao club na fatídica campaña 20-21, a da reestruturación, para salvar os mobles evitando a caída á Terceira RFEF no tramo final de liga. O seu contrato no Arosa, co que caeu na fase de ascenso a Segunda RFEF, chega ao seu fin sen ter claro se renovará na Lomba.
  • David Sierra: Vinculóuselle en máis dunha ocasión como serio candidato a dirixir o Pontevedra. Pontevedrés e da casa, adestrou o filial granate no curso 11-12, pasando despois polo Celta xuvenil e o Ribadumia antes de emprender outros traballos como segundo adestrador no Lugo, o Ittihad Tanger e o Atlético Baleares, ao que chegou a dirixir como interino en Primeira RFEF.
  • Yago Iglesias: Aínda con contrato no Zamora pero cuxo vínculo expira o 30 de xuño sen que se haxa aínda prolongado. No seu momento foi un dos nomes que soou con maior forza tras o seu bo papel no Compostela, ao que ascendeu a Segunda B. Iso valeulle finalmente o salto ao Zamora na Primeira RFEF, no que seguiu esta tempada pese ao descenso de categoría. Atópase actualmente disputando o play-off de ascenso co cadro zamorano.
  • Óscar Gilsanz: Peza cotizada polo seu bo papel primeiro no xuvenil do Real Club Deportivo, co que se conseguiu gañar a Copa de Campións, e este ano como técnico do Fabril, ao que ascendeu como primeiro clasificado á Segunda RFEF. Termina contrato coa entidade branquiazul aínda que a súa continuidade está sobre a mesa. O betanceiro adestrou ademais a Racing Villalbés e Laracha.
  • Antonio Fernández: Parece pouco probable que regrese ao cargo só uns meses despois de ser cesado, pero o certo é que Antonio é un dos adestradores galegos con experiencia que está no mercado. Cousas máis raras víronse no fútbol.
  • Fredi Álvarez: Outrora eterno candidato, o técnico moañés non ocupa un banco profesional desde o do Izarra na campaña 17-18. Antes pasara por Compostela, Celta B e Boiro tamén na Segunda B. Desde a aventura en Izarra traballa na canteira do Celta, dirixindo este curso o xuvenil de División de Honra.
  • Patxi Salinas: Non é galego pero case se o fose, pola súa profunda vinculación con Vigo. Tras desvincularse do Bilbao Athletic adestrou a principio de curso ao Portugalete de Terceira RFEF. Antes diso Ourense, Rápido de Bouzas, Burgos ou Badajoz fuerton algúns dos seus equipos.