Haberá cheo absoluto o vindeiro domingo 28 de abril (12.00 horas) na cidade deportiva de Abegondo para presenciar o encontro de Segunda RFEF entre RC Deportivo Fabril e Pontevedra Club de Fútbol.
A entidade coruñesa confirmou este xoves que se esgotaron as 1.000 localidades dispoñibles para este partido, no que o filial branquiazul buscará certificar a permanencia e os granates apurar as súas opcións de pelexar polo ascenso directo.
Ademais da cota de 90 entradas destinadas a seguidores pontevedreses, e que se venderon nas oficinas de Pasarón en pouco máis de 24 horas, só os abonados do Deportivo podían retirar localidades ao estar limitada a venda nesta ocasión ao público xeral.
Un duelo que será arbitrado polo madrileño David Ruiz Martín, na primeira vez que se cruzará co Pontevedra.
MANU BARROS SANCIONADO CON DOUS PARTIDOS
Noutra orde de cousas o fisioterapeuta do primeiro plantel granate, Manu Barros, foi castigado con dous encontros de suspensión tras ser expulsado durante o partido contra o Ourense CF por, segundo a acta arbitral, "permanecer nunha zona non autorizada dentro do banco, gritando e xesticulando con xestos de desconsideración, protestando unha das miñas decisións".
Ademais o Comité de Competición impuxo senllas multas a Pontevedra e Ourense por "alteracións de orde do encontro de carácter leve".