Aarón González regresa á Selección Española de boxeo

Marín
16 de abril 2019

O deportista marinense participará co equipo nacional no Torneo Internacional Boxam 2019 que se celebrará en Castelló do 14 ao 19 de maio

Aarón González durante un combate
Aarón González durante un combate / Team Thunder Marín

A Selección Española de Boxeo Olímpico volverá contar co marinense Aarón González.

O deportista do Team Thunder foi convocado polo equipo nacional para competir no Torneo Internacional Boxam 2019 que se celebrará en Castelló do 14 ao 19 de maio. 

Todo un  reconocmiento ao seu traballo e dedicación, que lle levaron a situarse como un dos boxeadores de referencia a pesar de ter que compaxinar a súa carreira deportiva co seu traballo como mestre.

Aarón celebrou este noticia a fin de semana como mellor sabe, competindo nunha velada no Barco de Valdeorras que lle enfrontou ao vasco Iker Fernández, ante o que asinou a súa quinta vitoria consecutiva tras ir de menos a máis e terminar asfixiando ao seu rival cunha intensa presión e ritmo que convenceu aos xuíces.

A fin de semana completouse para o Team Thunder coa súa participación na IV Xornada de Formas de Boxeo Olímpico en Ourense, onde a canteira do club conseguiu un total de 16 medallas.