Aarón González deixa atrás o parón pola pandemia e volve subirse ao ring

Marín
23 de febreiro 2021

O boxeador marinense estreará 2021 competindo na localidade alacantina de Guardamar del Segura nunha xornada da Liga Nacional Alania, o próximo 27 de febreiro

O boxeador marinense Aarón González
O boxeador marinense Aarón González / Diego Torrado

Foi unha longa espera, pero chegou ao seu fin para Aarón González. O boxeador marinense conta as horas para volver subirse a un ring para competir tras o parón provocado pola pandemia.

Farao o próximo 27 de febreiro en Guardamar del Segura, Alacante, sede dunha xornada da Liga Nacional Alania.

O púxil do Team Thunder representará nesta ocasión á franquía  KO On Guardamar, que se enfrontará a The Boxer Club.

Aarón González traballa actualmente ás ordes de Alberto Teijeiro e co apoio de David Pérez na planificación. Ademais está a realizar un traballo de sparring con José Martínez 'La Sombra', que disputará o cinto de Campión de España do peso superwelter en Navarra proximamente. 

Neste enfrontamento, que para o club que representa pode supoñer clasificarse para a fase final do torneo, o marinense medirase ao asturiano Álvaro Aranda na categoría de 75 quilos.

Será unha cita na que medir o estado de forma de fronte ao próximo Campionato de España de Clubs que se celebrará do 30 de marzo ao 4 de abril en Murcia.