O que a segue a consegue. Aarón González pode presumir de ser campión de España absoluto de boxeo olímpico despois de coroarse na competición celebrada durante os últimos días en Murcia.
O púxil marinense, que competiu pola selección galega, fíxose co ouro na categoría de 69 quilos despois dun torneo moi regular e unha emocionante final, na que dobregou aos puntos a Jon Jader, un xoven boxeador vasco que pertence ao equipo nacional.
A pesar da dificultade, Aarón creceuse nos momentos de máxima tensión para convecer aos xuíces e facerse cun título que perseguiu nos últimos anos. O bronce pola súa banda foi para o catalán Víctor Veiga e o valenciano Edgar Martín.
A medalla de ouro foi a guinda do pastel para o Team Thunder, que pisou en dúas ocasións máis o podio na categoría feminina grazas a Rocío Suárez e Lorea Murgoitio.
Rocío levou a prata na categoría de 45-48 quilos ao ceder na gran final ante a castelán-leonesa Eneritz Borinaga, mentres Lorea foi bronce na categoría de 57 quilos.
Ademais, completando a lista de éxitos, a selección galega masculina proclamouse subcampioa de España por equipos.