Aarón González convence no seu salto ao peso medio

Marín
23 de setembro 2019

O púxil marinense disputou o Torneo Internacional da Amizade en Barcelona cunha derrota e unha vitoria

Aarón González competiu no Torneo da Amizade de Barcelona
Aarón González competiu no Torneo da Amizade de Barcelona / Team Thunder

O boxeador marinense Aarón González regresa de Barcelona, despois de competir no V Torneo Internacional da Amizade, cunha vitoria e unha derrota en categoría de peso medio. O púxil do Team Thunder mostrouse moi satisfeito co traballo realizado e xa prepara "con grandes sensacións" o seu próximo reto: o Golden Gloves do Porto do 12 de outubro.

Na cidade condal, González mediuse nun primeiro combate ao campión de Irlanda, Gerard French. Despois de caer nos dous disputados e igualados asaltos, o galego completou unha extraordinaria terceira rolda, pero finalmente non conseguiu voltear o combate. Ao día seguinte, mediuse ao campión do peso medio catalán, Erik Carbonell. 

Desde o primeiro momento, Aarón foi a por o combate, puxo ao seu rival contra as cordas e antes de finalizar o primeiro asalto, o árbitro detivo a contenda para atender ao púxil catalán. Cun corte feo na cella, o xuíz decretou KO técnico a favor do marinense ao entender que a lesión fora por un golpe certeiro de González.