O marinense Aaron González volveu deleitar os afeccionados do boxeo coa súa vitoria ante o invicto portugués Deiby "The Showman" Lima, na oitava edición da velada de boxeo amateur 'Concello do Barco', que non se celebraba desde hai trinta anos.
O boxeador do Team Thunder comezou o combate con reservas e estudando a contenda desde a distancia. O seu rival viña de gañar o Odivelas Box Cup e o Golden Gloves de Portugal en dúas ocasións, polo que o desafío presentábase difícil.
Tras un comezo estratéxico, o marinense empezou a facer fallar ao seu adversario con contrataques que foron suficientes para mantelo a liña. Lima non se acovardou e mantívose moi activo nun asalto que resultou bastante equilibrado.
Na segunda parte, "The Thunder" dominou a distancia e conectou mans máis contundentes que fixeron retroceder o boxeador portugués. Finalmente, González impuxo a súa lei durante o terceiro asalto conseguindo unha vitoria moi importante para a súa clasificación.
O Team Thunder suma así unha nova vitoria e mira agora cara A Coruña, onde terán que desprazarse para asistir ao evento The Ring of Fire, organizado pola promotora galega Round Galicia. Na velada participarán os deportistas Mario Peleteiro, Abel Ferreira e o propio Aaron González.
Pero non é a única cita na que se exhibirán os boxeadores do Team Thunder. O campionato galego, que se celebrará o primeiro de maio na cidade herculina, será o escenario para o debut dos demais membros do club, que terá unha representación neste torneo de trece competidores.