A Xunta entrega material deportivo valorado en 160.000 euros a máis de 30 entidades deportivas de Pontevedra

Pontevedra
04 de febreiro 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, entregou este venres no CGTD o equipamento concedido a representantes dos clubs, sociedades e seccións deportivas beneficiarias de la subvención

O vicepresidente Diego Calvo entrega material deportivo aos clubs pontevedreses beneficiarios da axuda da Xunta
O vicepresidente Diego Calvo entrega material deportivo aos clubs pontevedreses beneficiarios da axuda da Xunta / Xunta

A Xunta investiu o ano pasado na provincia de Pontevedra arredor de 1,9 millóns de euros en equipamento deportivo a 357 entidades. A maior parte da contía, 1,6 millóns de euros, corresponde ao material cedido na segunda convocatoria desta liña de axudas a 320 entidades da provincia: 312 clubs, sociedades e seccións deportivas da provincia, xunto con 8 federacións. Na primeira convocatoria, foron beneficiarias outras 37 entidades -26 clubs e 11 federacións- da provincia pontevedresa, o que supuxo unha achega de máis de 241.000 euros. 

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo fixo este venres entrega do material deportivo concedido a unha trintena de clubs, sociedades e seccións deportivas da cidade de Pontevedra, aos que a Xunta apoiou na adquisición de equipamento con máis de 160.500 euros. Estas achegas forman parte da segunda convocatoria de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivo. Ao acto tamén acudiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López. 

Na cidade de Pontevedra foron beneficiarios da segunda convocatoria desta orde de axudas máis dunha trintena de entidades que representan distintas disciplinas deportivas. É o caso dos clubs de piragüismo Club Piragüismo Verducido -Pontillón, Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, Club Naval de Pontevedra e Club de Piragüismo Río Verdugo; os de baloncesto,Club Baloncesto Arxil, Boa Vila Basket e C.B. Estudiantes; de fútbol, Asociación Xuvenil Deportiva Verdugo, Unión Sampaio C.F. e Pontevedra Club de Fútbol; de atletismo, Sociedad Gimnástica de Pontevedra e Club Atletismo Rías Baixas; de rugby, Pontevedra Rugby Club e Mareantes Rugby Club; de tenis de mesa, Monte Porreiro e Club Tenis de Mesa Pontevedra; de tiro olímpico, Cernadiñas Novas e río Lérez; ou de ximnasia, Club Pontus Veteris e Club Rítmica Xiada.

Tamén constan como beneficiarios o Club Bádminton Ravachol Pontevedra, Club Diverticáns de caza, Sociedade de Caza e Pesca El Campo, peña ciclista Moto Bike, Club Escola Hungaresa de Esgrima, Club de Loita Pontevedra, Club de Natación e Salvamento A Estrada, Club Taekwondo Taekanar, Club Arco Xeve, Club Aromon Pontevedra Montañeiros A Roelo e Club Voleibol Pontevedra.

Diego Calvo puxo en valor o apoio da Xunta ao tecido deportivo da cidade pontevedresa coa entrega de equipamento, que inclúe material específico para cada disciplina como pértegas, canastras, porterías, discos, xavelinas, bicicletas, embarcacións, pistolas, cabinas de aire comprimido, tatamis e tapices, colchonetas, mesas de competición, manequíns de salvamento, etc.