Os equipos que participan en competicións non profesionais de ámbito estatal e os deportistas de alto nivel clasificados ou con opcións de clasificarse para os próximos Xogos Olímpicos xa poden realizar adestramentos con contacto en Galicia. O Diario Oficial de Galicia recolle este venres a modificación das medidas de prevención aprobadas polo Consello da Xunta o 12 de xuño do 2020 co obxectivo de permitir unha preparación en igualdade de condicións aos deportistas autonómicos con respecto aos doutros lugares do país.
No acordo do mes de xuño, o documento especificaba que "a práctica dá a actividade deportiva federada de competencia autonómica poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de 25 persoas simultaneamente no caso dos adestramentos".
A modificación aprobada polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, precisa agora que "se considera adecuado permitir a práctica deportiva con contacto dos deportistas galegos de alto nivel e deportistas de alto nivel recoñecidos polo CSD clasificados para Tokio 2021 ou que se atopen en proceso de clasificación"
No mesmo sentido pronúncianse cos clubs que compiten en ligas de ámbito estatal non profesionais e que ata o momento estaban obrigados a adestrar en condicións desiguais con respecto aos seus rivais. "Considérase adecuado permitir o contacto na práctica deportiva dos equipos galegos que participen en competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal". E xustifican esta decisión en que o "obxectivo é garantir a igualdade para os equipos galegos permitindo que adestren en condicións de igualdade co resto de equipos doutras comunidades autónomas".
Estas modificacións viñan sendo unha esixencia por parte dos principais equipos de fútbol e balonmán da cidade como o Pontevedra CF, Teucro ou Cisne. Estes últimos son os máis prexudicados pois tiveron que realizar toda a pretemporada, a liga empeza para eles o 2 de setembro, adestrando con distancia de seguridade.
A nova normativa tamén foi recibida de bo grado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, onde os deportistas de loita, judo ou taekwondo seguen realizando adestramentos individuais de preparación física ao estar prohibido, ata este venres, a realización de combates.