A Xunqueira de Alba acollerá unha San Silvestre "menos rara que a anterior, pero xa lle chega"

Pontevedra
13 de decembro 2021

A popular proba deportiva coa que a cidade despide o ano vólvese a reinventar debido á evolución actual da pandemia, recuperando unha edición física pero renunciando ao seu habitual circuíto e con saídas de 150 persoas en quendas de mañá e tarde

Presentación da XXXVIII San Silvestre de Pontevedra
Presentación da XXXVIII San Silvestre de Pontevedra / Mónica Patxot

Volve a San Silvestre, e aínda que a evolución actual da pandemia botou por terra as intencións de recuperar o seu formato habitual, faino cunha edición física que pretende volver contaxiar á cidade de ambiente festivo e deportivo no último día do ano.

A Xunqueira de Alba será escenario nesta ocasión da carreira popular, que será "menos rara que a anterior, pero xa lle chega", tal e como reza un dos lemas da súa XXXVIII edición. O outro, "A San Silvestre máis silvestre" fai referencia á súa nova localización nunha das zonas verdes da cidade.

"A saída en Montero Ríos era incontrolable", recoñece desde a organización Víctor Riobó, por iso apostaron por "tentar facer unha edición física pero segura".

Na Xunqueira de Alba, cun circuíto de 2.900 metros máis curto do habitual, habilitaranse o 31 de decembro ata 17 saídas de 150 persoas cada unha ao largo de toda a xornada, de 10.30 a 13.50 horas e de 16.00 a 17.40 horas, co obxectivo de cada cada participante ou grupo elixa a súa opción, así como os moitos equipos e entidades deportiva aos que se convida a "que busquen un horario común e poidan participar".

En todo caso "este ano vai ser unha festa outra vez", asegura a presidenta da Sociedad Gimnástica, Charo Castro, ou máis ben "17 minifestas" coas que recuperar a esencia da San Silvestre.

Ademais como premio aos 2.550 deportistas que participen, cambiaranse camisetas conmemorativas por alimentos non perecedoiros na tradicional recollida solidaria do evento, e tamén haberá premios aos mellores disfraces e aos participantes de maior e menor idade.

"Non podemos recuperar aínda o formato orixinal pero imos achegando", defendeu á súa vez na presentación da carreira o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.

As inscricións, de balde como de costume, abrirán a partir das 0.00 horas deste martes 14 de decembro e ata o día 26 na web www.sgpontevedra.com.

O uso de máscara será obligatorio.