A segunda edición da proba 'Volta a nado Illa de Tambo-Concello de Poio' celebrarase o domingo 30 de xullo. A competición incorporará unha nova distancia de 1.000 metros, que se suma aos percorridos de 4,5 km e 6 km que tiveron lugar o ano pasado.
As inscricións á travesía poderanse realizar a partir do venres 21 de abril a través da seguinte páxina web. A organización prevé a participación de aproximadamente 300 nadadores de distintos puntos de España e do estranxeiro.
A nova distancia de 1.000 metros, na que se poderá participar a partir dos 12 anos de idade, consistirá nun triángulo que se disputará moi preto da Praza da Chousa, o que permitirá que sexa seguida por numeroso público.
Os percorridos de 4,5 km e 6 km levaranse a cabo na contorna da illa de Tambo. A proba de 6 km e a máis longa da competición permitirá aos participantes dar a volta completa á illa, percorrendo o faro de Tenlo Chico e a praia de Adreirá.
Por outra banda, no percorrido de 4,5 km os nadadores terán que ir ata a praia de Area da Illa, situada ao norte de Tambo. Alí haberá un control de paso obrigatorio para todos os participantes desta distancia.
Toda a información sobre a proba e o regulamento está dispoñible na seguinte páxina web.
Marga Caldas, concelleira de Deportes de Poio, expresou a súa confianza en que esta cita volva converterse nun dos grandes eventos deportivos do verán no municipio e asegurou que "este ano, coas novidades que se introducen, volverá traer a moitos amantes do deporte de diferentes lugares de España". Esta competición está organizada polo Concello de Poio e Atlantic Extreme Sports.