A TVG retransmitirá as finais do Europeo de Fútbol Gaélico que se xogará en Pontevedra e Poio

Pontevedra
08 de xullo 2022

"Con estas transmisións, a canle pública busca apoiar disciplinas locais con forte seguimento, en que se mestura a práctica deportiva, coa tradición e o propio idioma", xustifica a corporación autonómica, que emitirá as finais do Europeo de Fútbol Gaélico na súa segunda canle o vindeiro sábado día 16 de xullo

Partido da Selección Galega de Fútbol Gaélico
Partido da Selección Galega de Fútbol Gaélico /

O Campionato de Europa de Fútbol Gaélico que se vai a celebrar os días 15 e 16 de xullo en Pontevedra e Poio terá cobertura trelevisiva, polo menos no que respecta ás súas finais.

Así o confirmou a Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG), sinalando que se emitirán pola segunda canle da TVG as finais, tanto masculina como feminina, do cadro principal do torneo o vindeiro sábado 16 de xullo a partir das 20.00 horas da tarde.

Estes encontros disputaranse no campo municipal Manolo Barreiro da Xunqueira.

"Con estas transmisións, a canle pública busca apoiar disciplinas locais con forte seguimento, en que se mestura a práctica deportiva, coa tradición e o propio idioma", xustifica a corporación autonómica.

No que respecta ao torneo, no que Galicia tentará repetir os resultados do último Europeo en Bretaña con título en categoría feminina e subcampeonato en categoría masculina, será o Campionato de Europa co maior número de participantes ao contar con 25 equipos instrictos.

A competición absoluta, denominada 'Championship', terá lugar no campo Manolo Barreiro da Xunqueira e no de Monte Porreiro, mentres que a competición Development, para seleccións en desenvolvemento, celebrarase no campo da Seca, en Poio.