O Campionato Galego de Tríatlon celebrado este domingo en Ferrol tivo acento pontevedrés na súa carreira feminina, da man de Carmen Gómez e Saleta Castro.
Ambas as dúas partían no grupo de favoritas e non defraudaron, coa medalla de prata lograda pola primeira delas e o cuarto posto de Saleta Castro, máis afeita á longa distancia.
A carreira en Ferrol disputouse baixo distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé).
As dúas deportistas pontevedresas saíron da auga no grupo cabeceiro de 8 atletas, aínda que na bicicleta Carmen Gómez destacábase xunto á ferrolá Camila Alonso. Chegaron á última transición con case minuto e media de renda sobre as súas perseguidoras, polo que o título era cousa de dúas na carreira a pé, e aí Alonso mostrouse máis forte para chegar a meta cun tempo de 1:07:42 e levar a medalla de ouro. Gómez chegaría 26 segundos despois na segunda posición, logrando o campionato autonómico na categoría sub-23, mentres que Edymar Brea foi terceira (1:09:44).
Na categoría masculina o vencedor foi o triatleta vigués Antonio Serrat, superando con claridade a Luismi Velásquez e Andrés Cendán, segundo e terceiro respectivamente.