A triatleta Lucía Piñón reforza o equipo ciclista do Team Farto-BTC

Pontevedra
13 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A xoven deportista, que adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, representará ata final de tempada ao Farto en competicións ciclistas

Lucía Piñón, nunha competición de triatlón co Náutico de Narón
Lucía Piñón, nunha competición de triatlón co Náutico de Narón / Federación Española de Triatlón

O Team Farto-BTC anunciou a incorporación ao seu equipo ciclista da xoven Lucía Piñón.

Trátase dunha triatleta bolseira no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra, e que a partir de agora compaxinará os seus esforzos no tríatlon e o dúatlon con participacións en carreiras ciclistas, nas que representará o Farto

Lucía, que en tríatlon defende o Náutico de Narón, métese no ciclismo de estrada para "marcarme novos retos e obxectivos e poder aprender desta disciplina. Vaime axudar a mellorar na bici para o tríatlon, pero tamén me ilusiona moito vivir a experiencia do ciclismo e aprender do pelotón", afirmou.

A estrea da nova incorporación do equipo ciclista pontevedrés non se fará de rogar, xa que estará presente a próxima fin de semana na carreira da Copa de España que se celebra en Beasain, aínda que competirá na categoría júnior.

"Sempre tivemos algunhas xuvenís no noso programa e ilusiónanos poder traballar con Lucía. Cremos que o fará ben, aínda que ten que ir paso a paso e o primeiro é aprender a correr en pelotóns de 150 ciclistas nos que hai moitos factores importantes á parte da forma física", explicou sobre a fichaxe o director deportivo do Team Farto, Brais Dacal.