A sexta edición da Regata Interclubes Ría de Pontevedra, finalizada pola alerta sanitaria

Pontevedra
19 de abril 2020

Ante a imposibilidade de completar as probas pendentes debido ao estado de alarma e a evolución da pandemia do COVID-19, a organización da Regata Interclubes Ría de Pontevedra viuse obrigada a tomar a decisión de poñer punto e final á sexta edición do circuíto galego

Sexta edición da Regata Interclubes Ría de Pontevedra
Sexta edición da Regata Interclubes Ría de Pontevedra /

Ante a imposibilidade de completar as probas pendentes debido ao estado de alarma e a evolución da pandemia do COVID-19, a organización da Regata Interclubes Ría de Pontevedra viuse obrigada a tomar a decisión de poñer punto e final á sexta edición do circuíto galego.

Ata o momento disputáronse 3 etapas, e a cuarta ía celebrarse o pasado 14 de marzo no Club Náutico de Beluso, con todo, a organización xa informaba da súa cancelación atendendo ás medidas adoptadas polo goberno central e autonómico.

Despois dun mes de parón e coa quinta e sexta tamén suspendidas, o comité organizador ha acordado dar por finalizada a tempada e dar como vencedores aos primeiros clasificados da xeral de cada unha das seis categorías nas que se divide a frota.

Aínda que desde a organización van buscar novas datas para celebrar as probas pendentes e realizar a entrega de trofeos, a decisión tomárona atendendo á situación actual, o calendario de regatas para os próximos meses e á seguridade dos máis de 300 participantes no circuíto.

Desta maneira, a clasificación queda da seguinte forma:

A Forza 4 de Carlos García (RCM Aguete) convértese en vencedor en Clase 1 con dúas vitorias parciais e un terceiro debido a que lle permite gañar o desempate do segundo clasificado, o Meigas Fóra de José Codesino (RCN Portosín). En terceiro lugar completou o podio o Ziralla Primeiro de Ramón Barreiro (RoYachts Club).

Na Clase 2, o triunfo final é do Balea Dous de Luís Mª Pérez (RCN Rodeira), que con dous primeiros e un segundo logra unha axustada vantaxe dun punto sobre o Orión de Javier Pérez ( RoYachts Club) e sete sobre a Billa de Francisco Freire ( RCM Aguete), segundo e terceiro respectivamente.

Máis folgada é a vitoria na Clase 3. O Aguieira I de Celestino Campelo (RCM Aguete), logrou unha vantaxe de seis puntos sobre o Trotto de Ernesto Smyth (CN Beluso). O terceiro posto desta categoría vai parar finalmente a mans do Espita de José L. Lastra (CN Beluso).
 
Na Clase 4, unha das máis competidas do circuíto, a vitoria é para o Travesío A Rivière Conservas de Pablo da Riva (CN Vilagarcía) con tres puntos de renda sobre o segundo, o Chispa Nejra de José Rey (CN Beluso) e catro sobre o Santiago Roma Rías Baixas de Iñaki Carbajo (CN Beluso), que pecha o podio na terceira posición.
 
Na Clase Solitarios, os tres primeiros clasificados están separados por só catro puntos. O primeiro posto é para o Aeris de Mariano Dios e Luís Rodríguez (RoYachts Club), que sumaba un primeiro e dous segundos nas tres etapas disputadas. Por detrás, o Maral IV de Roberto da Puente e Carolina Munch (CN Portonovo) finaliza segundo e o Santanas de Simón Bernárdez e Pablo García (RCM Aguete), terceiro.

En Clase Veteranos e Clásicos Efectos Navais Jesús Betanzos, o Miña Miniña de Fabián Garrido (AGABACE) é o vencedor final con dous primeiros postos e un segundo e despois de arrebatar o liderado na última cita ao Cassandra de Javier Pazó ( N Portonovo), que finaliza segundo na xeral. OPeregrina de Carlos Núñez (CN Portonovo), pola súa banda, completa o podio na terceira posición.

Por último, na xeral de clubs, o gañador do Trofeo Desafío Interclubes Ría de Pontevedra 2020 é o Real Club de Mar de Aguete cun total de 25 puntos e empatado co segundo clasificado, o RoYachts Club. O terceiro, con 30 puntos, é o Club Náutico de Portonovo.

Pola súa banda, a frota tamén competiu polos trofeos dos diferentes concellos que formaron parte da organización do circuíto, resultando vencedores os primeiros clasificados de cada etapa.

Desta maneira, no Trofeo Concello de Poio, os vencedores son Forza 4, Balea Dous, Trotto, Travesío A Riviere Conservas, Aeris e Miña Miniña; a vitoria do Trofeo Concello de Marín é para Forza 4, Balea Dous, Aguieira I, Santiago Roma Rías Baixas, Vento Sur e Cassandra; mentres que o Trofeo Concello de Sanxenxo é para Meigas Fóra, Orión, Aguieira I, Chispa Nejra, Maral IV e Miña Miniña.