A Señora Lola xa se asoma en Pasarón

Pontevedra
11 de outubro 2020

O foto mural en homenaxe á Señora Lola comeza a tomar forma en Pasarón. O autor da obra, Yoseba Muruzábal, comezou este venres a preparar a medianeira do estadio do Pontevedra CF que nos próximos días acollerá un mural en homenaxe á Dolores Calviño caracterizada coma unha das icónicas 'superavoas' 

Mural en homenaxe á señora Lola
Mural en homenaxe á señora Lola / PontevedraViva

O foto mural en homenaxe á Señora Lola comeza a tomar forma nas inmediacións de Pasarón.

O autor da obra, Yoseba Muruzábal, comezou este venres a preparar a medianeira do estadio do Pontevedra CF que nos próximos días acollerá un mural en homenaxe á Dolores Calviño caracterizada coma unha das icónicas 'superavoas' que se sumará aos xa 15 murais que o artista ten por todo o país e será o primeiro que pinta na cidade de Pontevedra.

Durante a primeira xornada, pintou o que será o fondo da composición, que estará dividida en dúas partes e formada por dúas imaxes: un retrato da señora Lola a partires dunha fotografía facilitada pola familia e unha imaxe da señora Lola cos brazos erguidos celebrando un gol do Pontevedra e suxeitando unha bengala de fume, a partires dunha foto proporcionada polo arquivo do Diario de Pontevedra e da autoría do fotógrafo Miguel Vidal.

Para Yoseba Muruzábal este será un mural diferente porque é a primeira vez que inclúe un retrato da protagonista e porque é a primeira vez que pinta sobre unha superficie rugosa e ondulada, o que o está obrigando a traballar con materiais diferentes aos habituais.

Esta iniciativa xordeu a través de dous proxectos municipais: 'A memoria das mulleres' e o 'Plan de mellora da paisaxe urbana', ambas xestionadas por Xaquín Moreda, o concelleiro das áreas de Memoria Histórica e de Urbanismo. Ten unha dobre finalidade: sacar á rúa e ao espazo público a historia das mulleres da cidade e actuar nunha medianeira da cidade que foi cualificada de nivel 4 no Plan de Mellora da paisaxe urbana, isto é, "que precisa dunha actuación que non se considera urxente pero si prioritaria", en palabras de Moreda.

Arquivado en