A segunda edición da Volta a nado á illa de Tambo incorpora unha proba curta dun quilómetro

Poio
20 de xullo 2023

A competición, que se celebrará o 30 de xullo e ten abertas as inscricións ata o día 25, mantén os dous percorridos de 6 e 4,5 quilómetros con saída e meta na Praza de Chousa, en Combarro

Presentación da segunda edición da Volta a nado á Illa de Tambo
Presentación da segunda edición da Volta a nado á Illa de Tambo / Concello de Poio

Combarro espera reunir a máis de 200 nadadores na II edición da Volta a nado Illa de Tambo-Concello de Poio, que se celebrará o domingo 30 de xullo. Este ano, como novidade, incorporarase unha nova distancia dun quilómetro, que se suma aos percorridos de 4,5 e 6 quilómetros celebrados a pasada edición. As inscricións estarán abertas ata o martes 25 de xullo na páxina web www.championchipnorte.com.

Ata a data hai máis de 170 nadadores rexistrados procedentes de oito comunidades autónomas (Galicia, Madrid, Aragón, Asturias, Cataluña, Valencia, Canarias e País Vasco), ademais de nadadores de Arxentina, México, Inglaterra e Portugal con idades comprendidas entre os 12 anos (Jeyden Silva Guerrero é o nadador máis novo) e 79 anos (o nadador máis veterano é o pontevedrés Manuel Cruces Prado).

Esta competición, organizada polo Concello de Poio e Atlantic Extreme Sports, ten como obxectivo consolidarse como unha das citas de natación máis importantes que se disputan en Galicia cada verán.

Esta mañá de xoves presentouse a proba na Praza da Chousa de Combarro contou coa asistencia do alcalde e o concelleiro de Deportes de Poio, Ángel Moldes e Cándido Muíños; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez; a directora de Abanca en Combarro, Ana Ansín Díaz; a Mariña Manager de Mariña Combarro, María Santoro; Jesús Collazo Piña, en representación do concesionario de automóbiles Suzuka Móbil, e a directora de Atlantic Extreme Sports, Beatriz Alvariño Díaz del Río.

A proba de 6.000 metros, que dará a volta completa á illa de Tambo percorrendo o faro de Teno Mozo e a praia de Adreirá, é na que se espera unha maior participación de nadadores con máis dun centenar. O percorrido de 4.500 metros, no que os participantes irán ata praia de Area da Illa, no norte de Tambo, onde farán un control de paso e volverán ao mesmo punto de partida.

A saída e chegada estará situada na Praza da Chousa onde estarán situadas as zonas de avituallamiento, servizo de masaxes e entrega de premios. “Animamos ao público a que se achegue ata a praza para presenciar a proba, que poderá seguirse desde distintos puntos de Combarro”, apuntou Alvariño.

Durante a travesía despregarase un gran dispositivo de seguridade no mar formado por 14 embarcacións, 22 kaiaks e 10 pádel surf, e estará coordinado polo contramaestre do Real Club Náutico de Sanxenxo, Carlos Agra. A proba contará co apoio de Protección Civil de Poio, Marín e Sanxenxo, Escola Naval Militar de Marín, Mariña Combarro, Club Marítimo de Raxó, Nauta Sanxenxo, Garda Civil do Mar, PescaCíes, Club Escola Marítima de Combarro, Pádel Surf Sanxenxo e a asociación de voluntarios Vodea. Os tres percorridos estarán balizados con boias de sinalización para facilitar a orientación dos nadadores.

Nas distancias de 6 km e 4,5 km, os nadadores poderán participar con ou sen neopreno xa que será optativo, mentres que a boia de seguridade será obrigatoria en ambos os percorridos. Os participantes terán un punto de avituallamiento voluntario a metade da proba das dúas competicións no que poderán tomar bebida, froita, xeles e barritas enerxéticas para repoñerse do esforzo. Os percorridos serán cronometrados por chip electrónico a través de Champion Chip Norte.