A seca frea a reapertura de Rías do Sur: "Non encheremos a piscina ata que a situación cambie"

Pontevedra
03 de agosto 2022

O máximo responsable da Fundación Rías do Sur, acompañado do seu responsable xurídico e do concelleiro de Deportes, explicaron este mércores a situación na que se atopa o complexo deportivo tras o auto xudicial que establece medidas cautelares que permitirán a súa reapertura a deportistas federados e socios da Fundación

Rolda de prensa para explicar o auto de medidas cautelares que permitirá reabrir o Complexo Deportivo Rías do Sur
Rolda de prensa para explicar o auto de medidas cautelares que permitirá reabrir o Complexo Deportivo Rías do Sur / Cristina Saiz

A piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños tardará máis do previsto en volver estar operativa, pese ao auto xudicial que establece medidas cauterales para permitir a actividade de deportistas federados e socios da Fundación Rías do Sur mentres se dirime o conflito coa concesionaria das instalacións, a empresa Sudecu (Supera).

Pechado por completo desde o pasado 1 de abril alegando Supera uns "inasumibles custos enerxéticos" para manter a actividade, agora será a Fundación a que asumirá con fondos propios a súa posta a punto e mantemento ata que exista sentenza definitiva.

Con todo atopáronse un problema engadido para a súa reapertura, ademais da "situación desastrosa" na que se atopa o vaso da piscina de 50 metros, segundo explicaron este mércores en rolda de prensa o presidente da Fundación Rías do Sur, Héctor Vilariño; o seu responsable xurídico, Faustino Seoane; e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.

Ese contratempo é a situación actual de prealerta por seca, xa que os traballos de mantemento previstos precisan dun baleirado completo da piscina olímpica e o seu posterior enchido, e "non encheremos a picina novamente ata que a situación cambie", confirmou Héctor Vilariño.

Como parche a Fundación prevé recuperar para o inicio do curso deportivo e escolar, a mediados de setembro, a piscina complementaria de 25 metros, que se atopa en mellor estado e coa auga case ao completo. Poderíase así dar servizo aos deportistas ata conseguir recuperar por completo a piscina olímpica.

Mentres tanto "faremos reparacións imprescindibles para o momento no que podamos acometer o enchido", avanza Vilariño sinalando ao mal estado dos equipos de climatización, sistemas de filtrado ou do propio vaso da piscina. Serán traballos que "acometeremos con fondos propios".

Ademais a Fundación Rías do Sur reabrirá a instalación con "persoal propio", cuns gastos que solicitará como compensación na demanda xudicial que se prevé presentar definitivamente nos próximos días.

En todo caso para manter esta actividade sen sobresaltos aparece a oferta de axuda do Concello. "Estamos a falar da forma de colaboración para facer viable o mantemento", avanzou o edil de Deportes defendendo que se trata dunha "instalación absolutamente estratéxica para Pontevedra".