A San Silvestre supera xa os 2.500 inscritos

Pontevedra
23 de decembro 2014

A Sociedad Gimnástica espera superar de xeito folgado os 3.000 deportistas e dese xeito o seu récord de participación. A inscrición manterase aberta ata o día 26 de decembro

Participantes na carreira de San Silvestre 2013
Participantes na carreira de San Silvestre 2013 / Mónica Patxot

A XXXI edición da San Silvestre de Pontevedra será, case con total seguridade, a de maior participación da historia.

A pesar de que o período de inscrición aínda finaliza o venres 26 de decembro a primeira hora deste martes xa eran 2.513 os deportistas que confirmaron a súa presenza na proba máis festiva do ano.

A cifra a superar son os 2.939 atletas do pasado ano, pero a organización pensa que se pasará de sobra a barreira dos 3.000 participantes.

A recollida de dorsais habilitarase na Casa da Luz a partir do sábado 27 en horario de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:30 horas, agás o mesmo día 31 que só se poderá realizar entre as 10:00 e as 13:00 horas.

Tamén se intalará un posto na zona de saída a tarde do 31 para a retirada de números, pero só destinada aos corredores de fóra da cidade.

Ademais a Sociedad Gimnástica, organizadora coa colaboración do Instituto Municipal de Deportes, recorda que se trata dunha cita con carácter solidario, a través da tradicional recollida de alimentos e este ano solicitando un euro aos participantes para axudar a sufragar os custos da San Silvestre.