A San Silvestre regresa a Montero Ríos en forma de exposición fotográfica

Pontevedra
23 de decembro 2020

A mostra estará visible fronte ás ruínas de Santo Domingo ata mediados de xaneiro e consta de máis dun centenar de fotografías e recortes de prensa que percorren os 37 anos de vida desta popular proba deportiva

Inauguración da exposición fotográfica sobre a San Silvestre en Montero Ríos
Inauguración da exposición fotográfica sobre a San Silvestre en Montero Ríos / Mónica Patxot

O paseo de Montero Ríos loce desde este mércores unha exposición de 112 fotografías e carteis que percorren os 37 anos de historia da carreira San Silvestre de Pontevedra, que este ano volverá celebrarse pero sen aglomeracións e por diversos lugares da cidade. 

Sociedade Gimnástica e Concello deseñaron diversos trazados que os corredores xa empezaron a completar para apoiar aos organizadores nesta campaña benéfica. Os participantes rexistrados son xa máis de 500 e cubriron máis de 1.500 quilómetros. "Necesitamos máis, animo á xente a que se dea de alta e vaian cubrindo os percorridos porque nos interesa acumular unha chea de quilómetros", pediu a presidenta do club, Charo Castro.

Á marxe da proba deportiva, a mostra instalada no lugar de saída e meta da carreira nas últimas edicións permite percorrer visualmente os 37 anos de vida da San Silvestre en Pontevedra. Ata mediados de xaneiro, os asistentes poderán observar a través das imaxes as mutacións que foi experimentando a carreira desde uns inicios centrada no plano competitivo ata unhas edicións masivas, familiares e cunha boa dose de humor.

Testemuña desa primeira edición da carreira foi Estanislao Durán, primeiro vencedor da San Silvestre pontevedresa no ano 1977, que estivo no acto inaugural da exposición para lembrar aquela cita. "Parece que foi onte cando corrín a primeira vez aqui a San Silvestre. Estaba na Mariña do Ferrol e estaba a piques de rematar a mili. Sempre me lembrarei desa primeira proba, repetín ao ano seguinte. Era moi complicado gañar dúas veces, lémbrome con moita ledicia", revive o atleta ao que lle gustaría "repetir aqueles momentos". Un desexo que o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, espera cumprir ao convidar o veterano corredor á edición do próximo ano que, como todo o mundo espera, celébrese con plena normalidade.

"Este ano a San Silvestre é rara pero intensa, decidimos darlle unha visibilidade na rúa lembrando o que foi esta carreira desde os seus inicios ata agora. Non cambiou no lúdico, pero si na afluencia de xente que viña", contrasta o titular de Deportes. Nun ton similar pronunciouse Patricia Novas, responsable de tendas da Devesa, principal patrocinador do evento; ao recoñecer que "é un ano complicado, pero non por iso tiñamos que deixar de facer con eles a San Silvestre, unha das carreiras mais lúdicas, familiares e festivas", rematou.

Os interesados en participar e colaborar coa causa solidaria desta rara San Silvestre aínda están a tempo de completar calquera dos cinco itinerarios que compoñen este ano a carreira. O que máis éxito está a ter ata a data é o da Illa das Esculturas, de 4,6 quilómetros; que completaron 94 corredores. Ségueo o de Entrepontes, dun quilómetro de percorrido entre as pontes do Burgo e As Correntes; con 79 rexistrados. En terceiro lugar, con 61 participantes está o da Xunqueira de Alba, de 3,7 quilómetros. O cuarto transcorre pola Alameda, ten unha extensión de 1,2 quilómetros e completárono 47 persoas. 

O tramo entre a Ponte dos Tirantes e o miradoiro da Avenida de Marín mide 5 quilómetros e 44 persoas rexistraron os seus tempos, mentres que o máis longo, 8 quilómetros pola senda do Lérez, completárono 43 deportistas.